En portadaGalerías de fotos

O Xeodestino Manzaneda-Trevinca ponse en marcha

Alcaldes, representantes da Xunta e do Inorde e empresarios celebraban unha reunión na tarde do 17 de novembro en Trives

Era unha longa demanda que parece que por fin comeza a materializarse. O Xeodestino Manzaneda-Trevinca empeza a dar os seus primeiros pasos. Logo de valorarse nos últimos diferentes formas de desenvolvelo, será finalmente o Inorde o que asumirá a xestión desta iniciativa. Así o acordaban os asistentes á reunión do Xeodestino Manzaneda-Trives que se celebraba na tarde do 17 de novembro no salón de plenos do Concello de Trives. Nela estaban representados once dos trece concellos deste xeodestino coa presenza dos alcaldes de Trives, Manzaneda, Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, O Barco, A Rúa, Petín, Vilamartín, A Veiga, Larouco e O Bolo. Tamén asistían ao encontro o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, un representante da Xunta, así como respresentantes da Estación de Montaña de Manzaneda, do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e de diversos colectivos empresariais como a Cooperativa TuTrives, Trevihost e Atreman.

A reunión comezaba abordando a designación do Inorde como órgano xestor do xeodestino, algo no que os asistentes manifestaron o seu acordo. A partir de aí redactarase un convenio que se fará chegar en breve aos trece concellos para que o aproben en pleno e así se poda facer efectiva esa xestión.

Tamén se daba conta do Plan Director GEO 12 Manzaneda-Trevinca, así como das aportacións económicas para poder desenvolvelo que farían a Xunta, a Deputación e os concellos. A estimación orzamentaria inicial para desenvolver as diferentes liñas deste proxecto de cara aos anos 2016, 2017 e 2018 sería dun total duns 380.000 euros.

Tanto alcaldes como empresarios coincidían na necesidade de impulsar xa o desenvolvemento turístico deste xeodestino ourensán. Neste senso, a presidenta de Atreman (Asociación Empresarial de Turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca), Montserrat Rodríguez, pedía ao remate da xuntanza que se “traballe o máis rápido posible, porque isto leva moito retraso e gustaríanos que se axilizase”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button