SanidadeÚltima hora

Os 20 primeiros médicos de Atención Primaria toman posesión das súas prazas na provincia

Nos próximos días tamén tomarán posesión os trece especialistas de medicina familiar e comunitaria que participaron no concurso de traslados aberto e permanente (CAP)

Hospital Público de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

Dende o Servizo Galego de Saúde vén de informarse de que trinta e tres médicos e medicas de Atención Primaria poderán desde hoxe tomar posesión das súas prazas nos distintos Centros de Saúde e Puntos de Atención Continuada da provincia, tras a publicación onte no Diario Oficial de Galicia da adxudicación das primeiras 20 prazas de difícil cobertura, das 21 convocadas para persoal médico de Atención Primaria, ademais da resolución definitiva do concurso de traslados aberto e permanente (CAP) na categoría de médico de familia na que participaron 13 profesionais mais.

 

 

“Ambos procesos fixéronse coincidir no tempo, para evitar cambios sucesivos dos profesionais nos distintos centros de saúde, na procura de limitar na medida do posible as interferencias na continuidade do asistencia sanitaria á poboación”, segundo Sanidade.

A nova categoría profesional e a súa convocatoria de prazas foi desenvolvida e resolto neste ano 2022, como resposta ás necesidades actuais da atención primaria, garantindo a continuidade asistencial con criterios de calidade e tendo en conta as dificultades excepcionais derivadas do grave déficit de profesionais facultativos en Centros de Saúde e PAC.

En toda Galicia convocáronse 106 prazas, 21 en Ourense. Participaron 355 persoas e tras o primeiro acto de elección de destino, o pasado 29 de setembro, adxudicaronse 91, 20 en Ourense. As 15 prazas pendentes de adxudicación, entre elas unha no Centro de Saúde de O Barco de Valdeorras será ofertadas nun segundo acto de elección que se realizará proximamente.

Cambios en 13 Centros de Saúde de Ourense polo CAP

O DOG tamén publica os centros de destino dos trece profesionais médicos que obtiveron praza no concurso de traslados aberto e permanente (CAP). Neste proceso participaron e toda Galicia un total de 121 profesionais, dos que seis non estaban vinculados co Servizo Galego de Saúde e dous profesionais proceden de fóra de Galicia.

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, os facultativos incorporaranse os próximos días aos Centros de Saúde de A Cuña-Mariñamansa e Valle Inclán, en Ourense; Melón, Vilar de Barrio, Taboadela, Castrelo do Val-Verín; Celanova, Baños de Molgas, Xunqueira de Espanedo, Maside, A Valenzá-Barbadás e aos PAC de Ribadavia e Allariz.
Todos eles deberán cesar hoxe na praza que, de ser o caso, desempeñen no Sergas. A toma de posesión do novo destino debe efectuarse nos dous días hábiles seguintes ao do cese, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área sanitaria, no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.

Galicia, pioneira na selección por concurso de méritos

O novo sistema para a selección do persoal médico de Atención Primaria, só por concurso sen exame, é un proceso pioneiro en España, que aposta polo concurso de méritos académicos, formativos e servizos prestados para a cobertura, con praza fixa, dos postos máis difíciles de cubrir. Trátase dun sistema máis áxil, que permite a rápida incorporación de xeito urxente, estable e permanente nos centros con maiores carencias de profesionais.

Ourense é a provincia co maior número de Centros de Saúde e PACs de Galicia, mais dun centenar, 14 PACs e dúas Zonas Especiais de Garda e, deles, 60 centros cun único médico, ademais de contar co maior número de concellos recoñecidos con condición de illamento.

Artigos relacionados

Back to top button