CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Os pasos do “Lobo da Xente” polo Macizo Central, a través da investigación do estadounindense Ivort Macsaw

Un libro, coordinado polo fotógrafo e xestor cultural Vítor Nieves, dará a coñecer o arquivo fotográfico e documental deste antropólogo xa falecido da Lycan Foundation

Foto: Vítor Nieves.

 

Un domingo de xuño de 2009, mentres lía un xornal, sorprendíalle ver na portada a nova da descuberta dos restos de dúas vítimas de Manuel Blanco Romasanta (1809-1863), considerado un asasino en serie e coñecido como o “Lobo da Xente”. Aquela nova quedabáselle gravada a Vítor Nieves, fotógrafo e xestor cultural natural da Gudiña. Non só polo feito en si, xa que era a primeira vez que se atopaba algún corpo das vítimas de Romasanta, senón por ter sido un investigador norteamericano da Lycan Foundation (LF), Ivort Macsaw, o seu descubridor.

“O do home-lobo é un tema que sempre me interesou, como case todos os galegos, tendo en conta o extraño da historia. E cando vin a nova non daba crédito e preguntábame quen era ese americano, tendo en conta que antes houbera moitos outros investigadores galegos que levaban anos niso, sen resultados”, comenta Nieves.

 

 

O fotógrafo e xestor cultural Vítor Nieves./ Foto cedida.

 

A partir de aí comezaba a investigar e descubría que este estudoso chegaba por vez primeira a Galicia no ano 2000 co propósito de recabar datos de Romasanta sobre o terreo e completar as pezas que faltaban no quebracabezas da súa historia.

“Unha das investigacións que tiña abertas a LF (fundación do norte de Michigan que estuda os casos de licantropía en todo o mundo) ía sobre Romasanta. Sobre el hai moitísimo material publicado. Ademais no Arquivo Histórico do Reino de Galicia consérvase un cartapacio de máis de 2.000 páxinas que recollen todo o proceso xudicial, o dos tres xuízos que lle fixeron, un en Allariz e dous na Coruña, tamén hai unha caixa de documentos no Arquivo Provincial de Ourense… A parte diso diversos investigadores foron descubrindo máis datos sobre Romasanta, publicados en diferentes libros. A todo iso tiñan acceso dende Michigan, pero chegou un momento no que non podían recabar máis información e decidiron mandar ao seu mellor investigador a Galicia”, explica Nieves.

 

Os camiños de Romasanta. © Ivort Macsaw / Lycan Foundation.

 

Aí comeza o traballo de campo de Macsaw en Galicia, dividido en dúas viaxes: no 2000 e no 2009. Interesado por este material, Nieves poñíase en contacto coa LF onde inicialmente non se amosaban moi receptivos. A situación mudaba por completo co falecemento, no 2015, de Macsaw. “Un día entrei na web, que renovaran, e vin que dicían que estaban á espera de axudas para facer unha publicación da investigación de Ivort Macsaw e entón pensei: esta é a miña. Escríbinlles propóndolles unha publicación dende a perspectiva galega, aceptaron e cedéronme todo o material que solicitei”.

Xestábase así o libro “Romasanta, tras os pasos do lobishome” que será publicado por Difusora Editorial a finais deste mes de decembro, despois de case 7 anos de traballo. Da coordinación editorial do traballo e da edición fotográfica estase a encargar Vítor Nieves. Foi un labor moi laborioso e no que enfrontou a milleiros de fotografías inéditas e numerosa documentación. “O libro vai ser unha recompilación de textos, imaxes e algúns documentos, supón unha escolla de todo o arquivo que está na LF”, adianta Nieves, que destaca a minuciosidade coa que este antropólogo realizou o seu labor en Galicia, percorrendo absolutamente todo os lugares polos que pasou Romasanta, levando sempre unha ou dúas cámaras.

 

Un Romasanta en Rebordechao. © Ivort Macsaw / Lycan Foundation.

 

“É sorprendente comprobar como ten mapas marcando minúsculas aldeas, seguindo o seu radio de acción de Romasanta que foi quincalleiro, vendedor ambulante, xastre… Quería ir a todos os lugares onde viviu, onde se agochou… e enchouparse de todo o que tiñan visto os ollos de Romasanta. Eses lugares son basicamente os que rodean a Serra de San Mamede, case todo o Macizo Central Ourensán (dende Xunqueira de Ambía, pasando por Vilariño de Conso, Viana do Bolo), pero tamén  ata Chaves (Portugal) e O Bierzo.  Evidentemente tiñan pasado case 200 anos e tiña un interese especial en recoller todo o que quedaba no imaxinario popular, casando e analizando ese conxunto de atos e a verdade é que xa no 2000 fai algún descubrimento, se ben ten que regresar a Michigan”, relata Vítor Nieves.

Non será ata o 2009 canto retome a súa investigación, xustamente no punto na que deixara, como se non tivesen pasado nove anos. E descubría, por exemplo, un dos comercios de Ponferrada, onde mercaba provisións para logo vender polo Macizo Central; así como unha cuestión clave: “a peza máis importante que sempre falta cando se conta a historia de Romasanta, os corpos. Nunca apareceron, foi xulgado sen corpo do delito. De feito a xustiza acusábao de 9 asasinatos e el asume 13 o día do xuízo en Allariz e durante as declaracións chega a falar de máis de 13. Macsaw atopou dous corpos: os de Benita García e o seu fillo Xosé”, resalta o coordinador editorial do libro.

Acababáselle o tempo de investigación e tamén o orzamento e tivo que deixalo aí. A súa obsesión era voltar, pero non puido facelo. Agora a súa investigación, que en ocasións se converte case nunha recolla etnográfica, incluíndo ata anotacións en galego; plásmase neste libro que constitúe “unha escolma de todos eses apuntamentos dos seus cadernos de viaxe, depositados no arquivo da LF”, indica Vítor Nieves, quen ademais destaca o “particular ollar fotográfico” de Ivort Macsaw. “El facía fotos para ter un apoio visual, documental e unha selección das súas imaxes lévate directamente a esa Galicia escura do século XIX, nun contexto de grandes fames, de epidemais como o cólera, de mortes, de emigración ás Indias… Macsaw logra contextualizar iso”.

Ademais Nieves fai fincapé no peso que a fotografía ten neste libro de investigación e cunha edición moi coidada (que se publicará co apoio da Consellería de Cultura, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística), “pero sen esquecer moitos documentos que neste momentos estamos a reproducir”. Pasando as súas páxinas o lector poderá reencontrarse co mundo de Romasanta, aínda tinguido pola lenda e polo misterio.

Texto: A.R.

 

Escenario dos crimes. © Ivort Macsaw / Lycan Foundation.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button