Mañá, sábado 2 de decembro, ás 21h. o tenente alcalde de Verín, Diego Lourenzo e o director do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV, Carlos Montero, inaugurarán oficialmente a II edición do FIC Vía XIV. Durante a gala inaugural, presentada polo actor Tonho Salgado, proxectarase o filme Os días afogados contando coa presenza no acto, que terá lugar no Auditorio, dos directores César Souto e Luis Avilés.
Como actos previos á gala, o FIC abre hoxe as súas portas coa primeira xornada do obradoiro “Achegar o cine ás persoas”, a cargo da cineasta vasca Maider Fernández, e co desenvolvemento do Foro Visións, un proxecto impulsado e coordinado por Xisela Franco e Beli Martínez para dar visibilidade ás cineastas da provincia de Pontevedra.
Esta segunda edición do Festival de Curtas de Verín contou, de forma especial, coa participación de diversos profesionais e artistas locais. Un deles é Fernando Barreira, responsable do deseño dos principais galardóns do certame e da creatividade do escenario. Barreira, que conta cunha sólida formación en arte, pintura, debuxo, escultura, decoración e moda, afirma que se insipirou na “V” de Verín e de Vía XIV para o deseño do premio. Á hora de crear o escenario tivo en conta “a temática dispar das bases do festival” que lle obrigou “a construír tres columnas de 3,75 metros de altura con emoticonos gráficos referentes aos temas centrais do certame: Entroido, Emigración e Fronteira”. En total, engade, “son máis de 60 pezas individuais que forman un todo e que ao xirarse, co apoio das luces, irán marcando o percorrer do festival: estruturas dinámicas para unha idea dinámica”.
Por outra banda, no marco do desexo dos promotores do FIC Vía XIV de dar protagonismo a outros artistas verineses no deseño do premio do público, este ano o encargado de crear esta peza foi o pintor e escultor local, Xosé Gómez Rivada.
Ademais, Jorge Godás, descendente dunha coñecida familia de fotógrafos verineses, ocúpase de todo o deseño gráfico e audiovisual das diversas pezas que compoñen o festival.