En portadaOurenseÚltima hora

Preestrea en Ourense de “+Cuñados”, unha comedia con produción valdeorresa

Luis Avilés é o director dun filme que ten ao petinés Alfonso Blanco na produción executiva e que volve contar cos actores Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey como trío protagonista

 

A cidade de Ourense acollía esta tarde de 10 de abril no Teatro Principal a preestrea da película +Cuñados, unha comedia producida por Portocabo, cuxo CEO é o petinés Alfonso Blanco “Fosco”, e rodada en galego e en Galicia. Será o vindeiro 19 de abril cando chegue ao circuíto de salas comerciais a secuela da que foi a primeira longametraxe cinematográfica da produtora coruñesa e coa que agarda repetir o seu éxito de público, tras se converter en 2021 na estrea máis ampla na historia do cinema galego.

Esta preestrea contaba coa presenza de autoridades como o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. Ambas entidades apoian o proxecto. Tamén asistían o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, así como representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

“Tanto o público como a crítica celebraron a química do reparto e a intelixencia e o humor do guión de Cuñados”, sinalaba o conselleiro en funcións, ao tempo que se amosou convencido de que +Cuñados será tamén unha “comedia única, capaz de atraer públicos de todo tipo e espertar as risas para todas as idades”.

Luis Avilés é o director de +Cuñados, que volve contar con Alfonso Blanco na produción executiva e cos actores Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey como trío protagonista. A trama desta secuela, con guión de Araceli Gonda, ten como escenario a celebración do Entroido ourensán, durante o que os cuñados veranse envoltos nun novo enredo. Ademais do devandito trío, repiten no elenco Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal, aos que desta volta se suman David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá.

O presidente da Deputación de Ourense auguraba durante o acto unha excelente acollida de +Cuñados en salas comerciais logo do acreditado éxito que conseguiu a primeira parte en plena pandemia. Nesta ocasión, será o Entroido ourensán un dos grandes protagonistas do filme, converténdose así no “escaparate idóneo para amosar ao resto do mundo unha das nosas celebracións etnográficas máis senlleiras”, salientou Luis Menor. “Trátase dunha produción vinculada ao cen por cen con Ourense e, polo, tanto, un excelente vehículo de promoción do territorio”, engadiu.

O apoio do goberno provincial a esta produción permitirá “vencellar a Ourense cunha exitosa película amosando ao público moitas das grandes potencialidades do noso territorio” sendo así “un reclamo para que a xente nos visite”. “+Cuñados” volverá a representar “a ese Ourense do que estamos tan orgullosos de compartir co resto do mundo”, salientou o presidente provincial.

O filme

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do sucedido uns días antes… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo (literalmente). Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués detido) buscando vinganza, complicaralles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.

Estrea en cines o 19 de abril

O vindeiro 19 de abril chegará aos cines esta nova entrega das aventuras dos cuñados, unha produción de Portocabo que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e coa participación de RTVE, TVG, Movistar Plus+ e a D.O Ribeiro, así como a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).

Artigos relacionados

Back to top button