ConcellosEn portadaEntroido 2024ManzanedaÚltima hora

Primeira ronda de fulión na Mourela p’acá (Manzaneda), cunha visita a Bidueira

 

Malia que o tempo non acompaña, a tradición manda en terras de Manzaneda, onde o son do fulión xa se escoitaba nesta noitiña, comezando deste xeito o Entroido. Contra as nove da noite, o silencio facíase á entrada de Bidueira, mentres as Mázcaras e o resto de integrantes do fulión da Mourela p’acá se ían achegando. Nese punto eran recibidos pola veciñanza de Bidueira e, a partir de aí, comezaba o ritual.

O fulión visitaba saudaba e solicitaba en verso o permiso. “Hoxe estamos aquí todos/cheos de gran ilusión/ pois levamos un ano enteiro/ esperando tocar o fulión”, dicía unha das Mázcaras. “Somos poucos/ e, por desgracia, cada vez nos xuntamos menos,/ pero os que aquí estamos,/ disfrutamos máis que os nenos”, engadía outra. Finalmente, era outro membro do fulión o que pedía expresamente o permiso para poder tocar. “Agora pedimos o permiso/ como se fixo toda a vida,/ se nos deixades pasar,/ tocaremos pueblo arriba”.

 

 

A resposta á petición non se deixaba agardar por parte dos representantes de Manzaneda. “Este ano o fulión é moi cedo,/ así que o temos que aproveitar,/ pois a partir do trece de febreiro/ xa non poderemos tocar”. E concluían: “Como a noite non está quente,/ non nos imos demorar,/ pasade cando queirades/ ata o cima deste lugar”.

 

 

A partir de aí as cornas, sachos, bombos e mesmo os cintos de chocas das Mázcaras soaban á vez, dando, dese xeito, vida a unha agardada e telúrica ronda polas rúas de Bidueira. O atroador son do fulión escoitábase por vez primeira neste Entroido nesta parte de Manzaneda. Tras a ronda, o fulión visitante era agasallado cunha cea por parte da veciñanza de Bidueira. Nela participaban unhas 70 persoas.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as dúas primeiras da galería que son cedidas.

A primeira saída do Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda) neste Entroido, en vídeos

 

Artigos relacionados

Back to top button