CulturaCultura

O programa “Xuventude Crea” premiará o talento da mocidade galega

O concurso recoñecerá as mellores creacións nas modalidades de cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias
Marisol Díaz e Cecilia Vázquez presentaron o concurso. 

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, presentou hoxe, 26 de xullo, a convocatoria do programa Xuventude Crea, que na edición deste ano conta cun orzamento de 112.778 euros para premiar o talento de autores novos nas doce especialidades deste certame: cociña, teatro, artes plásticas, fotografía, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda e deseño de xoias. Nesta rolda de prensa tamén se deu a coñecer o cartel do certame, que é obra de Julia González Yáñez, gañadora do concurso de deseño organizado para a ocasión e que ademais se leva un premio en metálico de 500 euros, e por último se presentou a publicación que recolle os 55 traballos que resultaron premiados no Xuventude Crea de 2016.

O acto de posta de largo deste certame celebrouse na Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas, e tivo como elemento de apoio un graffiti realizado polo mozo ourensán Ramón Conde-Corbal Varela “Mon”, gañador da especializade de graffiti na convocatoria de 2015. Na súa intervención, Cecilia Vázquez sinalou que Xuventude Crea “é o evento que engloba a maior manifestación das posibilidades creativas da mocidade galega”, e que ten por obxectivo “apoiar e fomentar o talento xuvenil poñendo a liberdade creativa por riba de todo”. “Queremos que os mozos e mozas sexan capaces de desenvolver os seus valores e habilidades, poidan manifestar as súas inquedanzas artísticas e culturais, ao mesmo tempo que se lles oferta unha canle para que poñan de manifesto a súa creatividade e as súas capacidades”, engadiu a directora xeral.

O prazo de presentación de proxectos a cada unha das especialidades de Xuventude Crea está aberto ata o vindeiro 31 de agosto. Poderán participar as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2017. Agás no caso das modalidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual e non poderán facelo nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior. Ademais todas as obras terán que ser en galego, orixinais e inéditas.

O xurado estará composto por profesionais en cada unha das especialidades creativas do certame. No tocante aos premios, cada unha das especialidades contará cunha mención de honra, sen dotación económica, e con tres premios: o primeiro, de 3000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros. As bases do concurso pódense consultar no Diario Oficial de Galicia do pasado 14 de xullo.

Artigos relacionados

Back to top button