Entrevistas

“Quero tentar conseguir os máximos títulos posibles”

Laura Ester, con orixes en Correxais (Vilamartín), é porteira da selección española de waterpolo, campiona de Europa 2014
Laura Ester coas tres medallas conseguidas coa selección española de waterpolo: nas Olimpiadas 2012, no Mundial 2013 e no Europeo 2014.
Laura Ester coas tres medallas conseguidas coa selección española de waterpolo: nas Olimpiadas 2012, no Mundial 2013 e no Europeo 2014.

Erguerse e ir adestrar pola mañá tres horas. “Eu vou de Barcelona a Sabadell e como no club” despois, antes do adestramento da tarde, ir á Universidade “porque me queda ese oco para tentar facer o que se poda”, adestrar e chegar a casa sobre as dez e media, once e pouco máis. Ese é o día a día dunha deportista de elite, Laura Ester Ramos (Barcelona, 1990), porteira da selección española de waterpolo que vén de proclamarse campiona de Europa en Budapest.

Con raíces en Correxais (Vilamartín de Valdeorras) de onde é o seu pai, atopamos a Laura de visita, durante as breves vacacións antes de comezar de novo os adestramentos no CN Sabadell, equipo no que compite na liga nacional dende hai catro anos aínda que no waterpolo leva dende os 11.

Segundas en Londres 2012, campionas do mundo no 2013 e agora campionas de Europa. ¿Cal é o segredo da selección española de waterpolo?
Eu creo que á parte de adestrar moitas horas día a día sempre para mellorar, a unión que temos no equipo, e que cada vez que entramos na auga é para dalo todo e cun obxectivo moi claro que evidentemente é gañar. Moita xente dinos que transmitimos unión e forza e iso realmente é o que nós sentimos, a unión do equipo. Somos case como unha familia porque pasamos 24 horas ao día xuntas e disfrutamos xuntas facendo o que nos gusta.

¿Canto tempo estades como selección? ¿Como foi o plan de adestramento para este Europeo?
Depende de cando sexa a competición (en xullo ou agosto) e cando termine a tempada. Hai dous anos estivemos case dous meses preparando as Olimpiadas e este ano estivemos menos, un mes-mes e medio. Normalmente coa selección facemos unhas sete horas ao día, tódolos días mañá e tarde e ao mellor o domingo libre. Polas mañás facemos 4 horas e media ou 5, comezamos co ximnasio e despois na auga, máis físico. E pola tarde outras dúas-tres horas na auga, máis partidos e pelota. É un adestramento moi intenso.

No equipo todas tedes o voso papel, pero ti como porteira, tes unha responsabilidade importante.
É unha posición moi diferente. Non é tanto físico pero é máis cansancio psicolóxico, tes que estar moi preparada porque os erros dun porteiro son gol e iso custa moito e vese moito máis, por iso á parte do adestramento físico é tamén moi importante o psicolóxico e saber levantarte cando cometes un erro. Dende pequena xa me dixeron que me puxera na portería, porque pola constitución podía ser máis rápida e áxil e a verdade é que saíu bastante ben, non hai que nadar, non che pegan e vívese ben.

Neste Europeo vencestes a Holanda na final, ¿como viviches o campionato?
Tanto o equipo como individualmente fomos de menos a máis. Comezamos perdendo contra Rusia pero aínda quedaba moito campionato por diante e podiamos quedar primeiras de grupo, tiñamos que continuar. Contra Francia, un equipo moito máis asequible gañamos, no importante contra Italia ao que había que gañar de máis de 2 para quedar primeiros de grupo gañamos de 4, co cal xa estabamos en semifinais que era un dos nosos obxectivos. Coa semifinal e a final fixemos un campionato perfecto.

¿Cal é o seguinte obxectivo coa selección? ¿E a nivel persoal?
O verán que vén volvemos ter mundial en Kazán (Rusia) e tentaremos estar arriba outra vez, que é o máis difícil. Gañar vale pero o que máis custa é manterse e de momento estámolo logrando, levamos tres anos estando aí e queremos seguir. Eu tamén quero seguir crecendo e mellorando día a día e tentar tanto co club como coa selección, conseguir os máximos títulos posibles.

A entrevista íntegra pode lerse na edición de setembro do Periódico O Sil
Texto: Mónica G. Bellver
Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button