EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeosViticultura

Rueda destaca o “pulo da D.O. Valdeorras” nunha visita á vendima desta zona vitivinícola

O presidente da Xunta referíase tamén á importancia de que o sector do viño continúe apostando pola internacionalización e polo enoturismo

 

No viñedo, onde comeza todo, iniciaba a súa visita pola vendima da Denominación de Orixe Valdeorras neste 15 de setembro o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Este mediodía visitaba as viñas da Adega Joaquín Rebolledo, na Rúa, onde coñecía as singularidades do solo de lousa e as súas aportacións ás vides, tanto en cuestións térmicas como pola drenaxe que lle dá ao terreo, da man do responsable desta adega, José Ramón Rodríguez, así como da súa dona Mercedes Rebolledo, e o fillo maior de ambos.

O presidente do goberno galego estaba acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González; polo delegado da Xunta, Gabriel Alén; e pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert, entre outras autoridades. Tras percorrer os viñedos, interesarse por como está indo esta campaña e ver como se está a desenvolver a recollida da uva mencía, Rueda comentaba que “a D.O. Valdeorras é a máis adiantada das denominacións de orixe galegas na vendima, co 85% da produción recollida, e xa imos entrar na última parte dunha vendima que todo aventura a que vaia ser moi boa, incluso superando nun 7% o vendimado o ano pasado. No caso concreto de Valdeorras nos comenta o seu presidente que se vai producir un aumento importante con respecto ao do ano pasado. A vendima vai moi ben e grazas a todos aqueles que están vendimando nas denominacións galegas nestes momento e que todo vaia ben, como está indo ata agora”.

 

 

 

Así mesmo o presidente galego explicaba que “con esta visita simbólica queremos pór en valor non só o traballo que se fai en Valdeorras, unha denominación que nos últimos anos colleu moitísimo pulo e que creo que ten aínda un camiño por diante enorme, se se seguen facendo como ata de agora as cousas moi ben; senón tamén pór en valor en xeral todo o que ten que ver en Galicia co viño. Son máis de 500 adegas como esta, 10.000 viticultores e arredor de 300 millóns de euros que se moven en relación co que ten que ver co viño e que debe seguir medrando. Os viños son excelentes nas 5 denominacións e teñen cada vez máis aceptación no exterior, a exportación é un camiño que ten moitas alegrías por darnos”.

 

 

 

Ao mesmo tempo, Alfonso Rueda incidía no potencial que pode ter para o sector vitivinícola galego o enoturismo, “unha vía que se está explotando cada vez máis en Galicia. Funciona moi ben noutros lugares, onde tamén teñen viño de moita calidade e por aí hai que seguir apostando. Nestes anos ademais cos fondos Next Generation, que están adicados a turismo, enfocano moito a enoturismo e penso que aí podemos facer grandes cousas e que complementen o principal, que é que se fai un viño fantástico, que forma parte da gastronomía de Galicia e que a complementa moi ben. Cada vez é máis coñecido en España e fóra das nosas fronteiras, nos cinco continentes e que agora tamén, se o mesturamos co turismo, pode ter moito percorrido”.

 

 

 

Pola súa banda, José Ramón Rodríguez, que tamén é presidente do CRDO Valdeorras, amosaba o seu agradecemento pola visita e  polo apoio ao sector primario e ao sector do viño por parte da Xunta e a Valdeorras en particular. Xunto a el, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, comentaba que a “adega Joaquín Rebolledo, que penso que é un dos emblemas da D.O. Valdeorras, esta denominación é un elemento integrador da comarca e de desenvolvemento económico e social. Estamos nun momento álxido e doce da nosa denominación, sobre todo a variedade godello está de moda e iso estase a trasladar tamén a vontade dos viticultores da comarca que están nun proceso de renovación, de profesionalización e modernización do sector que penso que vai dar moitas alegrías para A Rúa”.

 

 

Despois de ver os viñedos, o presidente da Xunta trasladábase á adega, situada na vila da Rúa, onde comprobaba como se recepciona a uva chegada da viña e como comeza o proceso de elaboración dos viños, seguindo as explicacións de Álvaro Bueno, asesor da adega, chegando incluso a catar os primeiros mostos de godello. Tamén visitaba a súa sala de embotellado, seguindo as indicacións da enóloga Catalina Maroto, e asinaba no libro da adega.

 

 

Durante a visita de hoxe, Alfonso Rueda quixo agradecer tamén o esforzo de todos os profesionais asociados ao sector e desexoulles ánimo para esta recta final da vendima.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button