ConcellosCulturaCulturaEn portadaLaroucoÚltima hora

Sae á luz o forno cerámico tardorromano localizado no Alto do Barreiro (Larouco) no 2022

Coa escavación, realizada estes días polo equipo de Xeitura Cooperativa á iniciativa do Concello, desvélase que presenta estrutura circular e que ten outra construción asociada

 

Nin estaba catalogado, nin se sospeitaba que no Alto do Barreiro (Larouco) puidera haber un xacemento arqueolóxico. Foi o azar o que fixo que o pasado setembro, mentres se realizaban as obras para abrir unha pista para acceder aos viñedos, aparecesen numerosas tégulas. Interrompéronse as obras e procedeuse á súa catalogación como probable xacemento romano.

A partir de aí a zona incluíase nas sondaxes que estaba a realizar nesas datas no municipio o equipo de arqueólogos de Xeitura Patrimonio SCoop.Gal no marco dun proxecto de dinamización enoturística impulsado polo Concello de Larouco, a través do GDR Valdeorras, e que incluía tamén a creación e posta en marcha da Ruta dos Lagares e Vía Romana. O equipo prospectaba de forma intensiva o lugar, atopando unha gran concentración de tégula e, logo dunha sondaxe, descubría un forno oleiro, que se databa na época baixo imperiral a través dos restos cerámicos.

Nesa sondaxe os investigadores descubrían que o forno conservaba un perpiaño moi ben labrado en granito, e perfectamente asentado, pero non podían concretar a súa tipoloxía, nin determinar se existían máis estruturas asociadas. Para seguir avanzando, era preciso escavar. E ese paso vén de darse agora. O equipo de Xeitura acaba de sacar á luz este forno que, tras a escavación, poder verse que presenta ten certa entidade, con bastante material e que está asociado a unha construción.

“É un forno de tipoloxía circular. Posúe unha entrada por un lado e o tiro polo outro e está asociado a unha construción, que ten un negativo claro, é dicir que se ve que hai unha edificación rectangular, cuxas dimensión non podemos polo de agora concretar. E pensamos que tanto o forno como esta construción de fixeron ao mesmo tempo, é dicir, a función da cabana era meter o forno. E probablemente isto forme parte dun conxunto máis amplo, pero non sabemos canto”, explica dende a dirección da escavación o arqueólogo Xosé Martiño Vázquez.

 

 

Así mesmo, este xacemento vén a incidir no topónimo Alto do Barreiro, “pois está claro que está asociado á barro, a olería, porque é un forno oleiro, entón probablemente a denominación deste lugar está relacionada con algunha veta de arxila próxima, con que as pastas foran interesantes para producir e por iso o do nome e a ubicación do forno”, comenta este investigador.

Non é que os fornos romanos cerámicos sexan algo excepcional, o que é inusual é poder atopalos completos. “Son estruturas como moi endebles e teñen que darse circunstancias como as que se deron en Larouco: abrir unha pista, que secciones parte do forno e este quede a vista. E despois que haxa investigación, porque normalmente este tipo de fornos, sobre todo cando son oleiros, como os lagares, que constrúense no lugar onde se produce o viño, fanse cerca dunha boa veta de arxila. Era máis rendible facer o forno alí e levar despois  as pezas cocidas, xa armadas a onde fora”, engade Xosé Martiño Vázquez.

 

 

Ademais, este arqueólogo resalta o interese deste conxunto, que data na etapa tardorraman “xa que o material estanos dando esa época e tamén se confirma por algúns outros fornos que había cerca. Pensamos que a nivel de recurso cultural para o concello é outro elemento máis que pode introducir dentro da Ruta Romana do Viño asociada tamén á Vía Nova”.

Este xacemento era tamén un dos puntos de interese arqueolóxico da zona que visitaban os mozos do Campo de Voluntariado que nestes días se está a desenvolver en Larouco. Ademais os mozos realizaban tarefas de acondicionamento do camiño de acceso a estes restos arqueolóxicos.

Fotos: Antonio Vázquez Sobrino/ Xeitura Sociedade Cooperativa Galega.

 

Artigos relacionados

Back to top button