CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Un nonaxenario, entre os alumnos da aula de informática de Sober

Un veciño da aldea do Barreal aprende estes días a facer vídeo chamadas para poder comunicarse co seu fillo en Inglaterra

Continúan os cursos para maiores, promovidos polo Concello de Sober, na aula de informática. Neles xa recibiron clases neste ano máis de 40 adultos que se están a formar en novas tecnoloxías e en iniciación a Internet. A aula de informática de Sober abre en horario de mañá e tarde de martes a venres e na actualidade reciben formación preto de 15 adultos de idades comprendidas entre os 50 e os 70 anos. Danse cursos de Sixpac, almacenamento na nube, iniciación á informática, compras por Internet, correo electrónico, móbiles e tablets.

O alumno de máis idade é nestes momentos Herminio Fernández Rodríguez. Ten 90 anos e reside en O Barreal coa súa dona, na parroquia soberina de San Martiño de Anllo. O seu bo estado de saúde fai que sexa tamén un dos usuarios anotados na ximnasia de mantemento, que desenvolve o Concello nas parroquias da localidade.

Herminio e Saladina teñen un fillo en Inglaterra, de onde eles volveron hai uns anos. O soberino considera “moi importantes os cursos que está a desenvolver o Concello” e asegura que seguirá facendo todos os que poida porque “non me canso de aprender”. Conta que lle gusta moito estudar, posto que “supón unha diversión” e que xa de novo fixo un complexo curso de electricidade para poder desenvolver o seu traballo no estranxeiro. Presume de conservar o diploma.

Está a recibir ensinanzas sobre Google Maps e iniciación á informática ou vídeo chamadas, aprendizaxes que despois practica no ordenador que ten na súa vivenda. Emprega as leccións que toma na aula de informática para poder comunicarse co seu fillo, ler a prensa inglesa, buscar ofertas de voos ou ver a súa anterior vivenda a través das aplicacións informáticas.

Recoñece que unha das maiores sorpresas foi poder atopar as imaxes da súa vivenda de Inglaterra a tantos quilómetros de distancia desde a aula de informática de Sober. Avanza que se anotará aos vindeiros cursos que desenvolva o Concello e agradece o labor que e está a levar a cabo desde a aula de novas tecnoloxías municipal. “Felicito á Corporación por poñer todo isto en marcha porque é moi beneficioso para os veciños”, precisa.

O alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, valora a importancia de formar aos maiores nas novas tecnoloxías para que “adquiran as competencias precisas para poder empregar un móbil, unha tablet e incluso un ordenador”, o que lles fai a vida máis doada e lles abre unha fiestra de novas oportunidades de comunicación. Agradece a boa acollida que están tendo estes cursos entre a veciñanza.

Fotos: Concello de Sober.

 

Artigos relacionados

Back to top button