ConcellosO BoloÚltima horaVídeos

Un concerto, conferencias e unha exposición, no 400 aniversario do inicio da construción do Santuario das Ermidas

O Concello do Bolo organiza estas actividades gratuítas para dar a coñecer e promocionar este edificio singular protexido como BIC

 

No ano 1624 o bispo de Astorga, Alonso Mejía de Tovar, daba a orde de empezar a construír unha primeira parte do que hoxe é o a Nosa Señora das Ermidas, xunto con outras construcións que están ao seu carón. Unhas obras que empezaban no fondo dun barranco, na ladeira dun monte con moitas pedras ou bolos e co río Bibei no fondo. Obras que se levaron a cabo con grandes dificultades construtivas loitando sempre contra a montaña. Un lugar único nun espazo natural especial que conta cunha historia singular e que merece ser coñecida.

Neste 2024 celébranse pois os 400 anos do inicio de construción do santuario, un aniversario que dende o Concello do Bolo conmemorarán cunha serie de actividades gratuítas para dar a coñecer e promocionar este edificio singular protexido como BIC (Ben de Interese Cultural dende o ano 2006), exemplo espectacular do barroco galego e peza única na comarca ourensá de Valdeorras.

 

 

A presentación dos actos tiña lugar na mañá deste xoves 2 de maio coa presenza do alcalde e tenente de alcalde do Bolo, Alberto Vázquez e Miguel García, entre outros, no adro cuberto do santuario, onde permanecerá ata finais de ano unha exposición sobre os inicios da construción e a súa evolución, presentada polos arquitectos que a deseñaron. A mostra consta de 5 paneis explicativos no que se pode ver a evolución construtiva do edificio do santuario e dos edificios anexos. Ademais da historia de inicio do santuario e un panel dedicado ás publicacións máis antigas das que se teñen coñecemento sobre este lugar e a súa historia. Tendo unha mención tamén aos historiadores e escritores da comarca.

Para o 25 de maio está prevista unha xornada de conferencias “400 anos das Ermidas, historia dun santuario” na capela a partir das 17 horas. Isidro García Tato, historiador e investigador do CSIC fara unha “Aproximación á historia do Santuario de Nosa Señora de As Ermidas. Baluarte da fe, centro de cultura e meta de peregrinación”; Miguel Ángel González, arquiveiro da Diócese de Astorga falará sobre “As Ermidas un santuario en terras do Bibei: achegamento a súa historia, arte e relixiosidade”; e Beatriz Hermida e Tomás Valentem arquitectos do Plan Director do santuario, falarán sobre as actuais obras de rehabilitación do edificio. O evento tamén contará cunha homenaxe ao historiador Antonio Castro Voces falecido este ano e autor de libros como El Santuario de As Ermidas; estudio histórico-relixioso y educativo 1624-1990 (IEV, 1999).

 

 

A terceira actividade conmemorativa é o concerto que terá lugar o 3 de agosto no Santuario con Xoan Curiel. Treides comigo! é o sétimo traballo discográfico deste compositor galego, un traballo de madurez que bebe da lírica medieval galego-portuguesa dende unha mirada contemporánea. Un concerto rico en matices con músicos de gran nivel da música clásica, do folk e das músicas do mundo (Xoán Curiel, guitarras e voz; Iris Gey, voz; Virginia Lis, clarinete, Álex Salgueiro, frauta traveseira e frautas; Carlos Freire, percusión; e Ariel Ninas, zanfona), no que se interpretarán cantigas actualizadas de diferentes trobadores da lírica medieval galego-portuguesa (séculos XII a XIV) e dos Camiños de Santiago.

Dende o Concello do Bolo invitan a todos os veciños e visitantes a desfrutar destas actividades que se fan con inversión municipal e que serán gratuítas.

Artigos relacionados

Back to top button