En portadaÚltima horaVídeos

“Valdeorras” promocionarase de forma conxunta por vez primeira en Xantar, a través do GDR

Os 9 concellos compartirán expositor baixo esta marca e tamén contarán cun restaurante na mostra

María Carmen González, presidenta do GDR, co xerente desta entidade./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Baixo o paraugas da marca “Valdeorras”, os recursos turísticos e enogastronómicos dos 9 concellos da comarca (O Bolo, Carballeda de Valdeorras, O Barco, Rubiá, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco, A Veiga) promocionaranse por vez primeira de forma conxunta no 24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará do 2 ao 5 de novembro en Expourense. Será unha promoción que se realizará a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) a través do seu plan de dinamización, tal e como se acordaba esta mañá na reunión desta entidade e como anunciaba despois en rolda de prensa a súa presidenta e alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González.

“Os proxectos de dinamización e de promoción son un obxectivo do noso GDR e de todos os GDRs, é unha das nosas obrigas e que mellor feira máis importante gastronómica para ir todos os concellos xuntos cunha marca que creo que a partir de agora xa debe formar parte da nosa linguaxe: Valdeorras. En Xantar imos promocionar os nosos principais atractivos gastronómicos, vitivinícolas e turísticos da comarca aos visitantes que se acheguen. É dicir, ademais de amosar os referentes enogastronómicos de Valdeorras imos aproveitar para amosarlles que é Valdeorras”, indicaba María Carmen González.

Así o GDR participará en Xantar e farao cun “stand diferente, cun deseño propio, que incluirá unha lona de grandes dimensións, a modo de pergamiño recreando o noso pasado e patrimonio romano, cun mapa cos nosos puntos de referencia turística. Ese stand que terá ao seu carón un restaurante que contará con menús que incluirán os produtos gastronómicos máis destacados da comarca”. Ademais nesa promoción unirase o viño coa lousa nun detalle conmemorativo para a feira, como os dous emblemas produtivos desta comarca, “deste xeito unimos os dous produtos que neste momento sosteñen a economía de Valdeorras e abrir a outro tipo de actividades unha economía de futuro”.

 

 

Nese expositor pretende amosarse que é Valdeorras: “unha das comarcas máis definidas de Galicia, unha gran postal e a entrada á comunidade, e moi poucos quilómetros de aquí temos un Patrimonio da Humanidade, As Médulas, que penso que Valdeorras non ten aproveitado o suficientemente ben xa que, ao estar tan cerca, suporía unha axuda importante en turismo o feito de unificar este atractivo. É dicir, a xente que vén a ver esa mina romana, ¿por que non vai durmir no Barco, na Rúa, en Sobradelo ou en Vilamartín? ou comer. Se logramos ir transmitindo neses foros que Valdeorras en moito que amosarlle ao visitante: natureza, patrimonio, gastronomía, etc”, sinalaba a presidenta do GDR Valdeorras.

 

 

Nese expositor, haberá folletos promocionais dos diferentes concellos e tamén se farán diferentes degustacións dos produtos dos diferentes concellos. Outra das actividades será unha cata de viños da Denominación de Orixe Valdeorras, seleccionados polo director técnico da mesma, Jorge Mazaira, que se maridarán nun menú con algunhas das elaboracións máis representativas da cociña valdeorresa, como pode ser o botelo, o codillo, a empanada de maravallas ou de costrelas, entre outros.

Esta promoción conxunta dos recursos turísticos de Valdeorras nun salón sectorial pode ser un primeiro paso, tal e como comentaba, González, no camiño de darlle unha proxección integral á comarca noutros foros turísticos tanto galegos como estatais.

Artigos relacionados

Back to top button