SanidadeÚltima hora

21 persoas recibían un diagnóstico de mieloma múltiple no último ano na provincia de Ourense

A incidencia na área sanitaria ourensá é un pouco superior á media derivada da maior porcentaxe de persoas maiores, grupo de idade onde ten maior incidencia

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

No último ano na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras 21 persoas recibían un diagnóstico de mieloma múltiple (MM), segundo cancro do sangue máis frecuente, producido polo crecemento anómalo das células plasmáticas da médula, do que a día de hoxe en Ourense están a tratamento 70 pacientes, dos preto dun centenar a seguemento por parte do Servizo de Hematoloxía e Hematoterapia do Hospital Universitario de Ourense, que oferta unha atención integral ao proceso diagnóstico e de tratamento.

A incidencia poboacional na nosa provincia é un pouco superior á media -estimada 5 casos por cada 100.000 habitantes- derivada da maior porcentaxe de persoas maiores, grupo de idade no que a afectación do mieloma é maior. Mostra delo, o 71% das persoas diagnosticadas no último ano, (de xuño 2022 a xullo de 2023) son maiores de 70 anos e preto do 43% maiores de 80, segundo os datos da área sanitaria ourensá.

Dos pacientes en tratamento activo, moitos deles poden completalo ademais de no Universitario de Ourense, nos hospitais públicos de Valdeorras e Verín, onde contan con Hospitais de Día para os tratamentos intravenosos, ademais de poder recoller tamén a súa medicación oral no servizo de farmacia de cada centro.

As células plasmáticas da médula forman parte do sistema inmunolóxico, de defensa fronte as infeccións, polo que o seu aumento altera o seu funcionamento, afectando a todo o organismo -especialmente a nivel óseo- e distorsiona o mecanismo de “renovación”, causando anemia polo descenso dos glóbulos vermellos, o que aumenta o risco de infeccións, poidendo causar tamén insuficiencia ou fallo renal.

 

 

Avances e coordinación nos tratamentos

Pese a que a día de hoxe aínda non existe unha cura definitiva para o MM, o avance dos tratamentos permite contar con alternativas terapéuticas que garanten, en moitos casos, unhas expectativas de supervivencia acordes coa esperanza de vida.

Para coordinar a resposta terapéutica dos distintos hospitais públicos galegos, o especialista do Servizo de Hematoloxía, Jose Ángel Méndez, e a farmaceútica hospitalaria, María Perfecta Fernández, participaron na elaboración dunha guía de referencia na rede Sergas, que foi presentada en xuño na reunión galega da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria (SEFH).

 

O doutor José Ángel Méndez.

 

 

Esta guía, de consenso entre especialistas de hematoloxía e farmacia hospitalaria, permite homoxenizar e garantir a equidade nos tratamentos, de acordo coas últimas actualizacións e avances, independentemente do lugar onde se traten os pacientes.

Ademais dos tratamentos actuais, o doutor Méndez destaca que o futuro pasa polos tratamentos con inmunoterapia avanzada: CAR-T (receptores quiméricos para antíxenos) e anticorpos biespecíficos (AB) que en breve pasarán a formar parte do tratamento do MM, e xa son empregados na actualidade, aínda que no marco de ensaios clínicos ou en pacientes onde outros tratamentos non foron efectivos. De feito, un paciente ourensán xa foi receptor deste tipo de terapia.

As CAR-T (do inglés Chimeric Antigen Receptor T-Cell) é un tratamento de inmunoterapia avanzada, cada vez máis estendida na abordaxe dos tumores do sangue como a leucemia. Consiste en administrar linfocitos ou glóbulos blancos T, pertencentes ao propio paciente, tras ser modificados xenéticamente á medida da súa enfermidade, para facelos máis efectivos contra o tumor.

Artigos relacionados

Back to top button