Chandrexa de QueixaColaboraciónsConcellosOpiniónÚltima hora

A aldea que retrasou o Nadal

Un lóstrego, un suspiro, un intre de silencio e todo mudou, un pobo enteiro loitaba entre a vida e a morte, sumíase nunha incertidume que paralizou o mundo, as luces non se acenderon, as portas quedaron espidas e aquelas reunións familiares que ansiabamos, esmoreceron nun lamento. O Veciño noutro plano alleo a todo, loitaba por sobrevivir sen sabelo e pasou o Nadal e veu fin de ano, comemos as uvas e por cada unha o desexo sempre era o mesmo: sobrevive! Os Reis chegaron e non nos trouxeron o agasallo que agardabamos.

 

 

Días e noites eternas que se foron estabilizando dentro da gravidade e máis días e máis noites, ata que a luz comenzou a brillar e sumamos en positivo e o Veciño despertou, respirou, falou e recoñeceunos. Todo empezou a xirar de novo pouco a pouco.

Eu fixéralle unha promesa cando tiña claro que me escoitaba aínda que non se movía: “cando voltes celebraremos o Nadal”. Ese Nadal que non vivimos, que retrasamos ata onte, que foi o día. O Veciño saíu á porta na cadeira de rodas e Acevedo iluminouse con tódalas luces, as portas lucían engalanadas o resto dos veciños e a familia aplaudían e berraban espantando tódolos malos días pasados e el sorría e brindamos pola saúde e pola vida, esa que nun intre se torce e pola sorte esa que este ano pasado en moitos momentos foi mala sorte para a aldea que se viu tan castigada pero e a esperanza…que hai da esperanza?

 

 

E así entre ledicia e apertas espalecémonos de tantas cousas negativas e cremos, sí, cremos, que igual que isto, outras cousas serán posibles porque agora xa sabemos que un Nadal pódese celebrar en febreiro, un Nadal pódese celebrar cando o corazón sinta que é Nadal.

O Veciño recibiu de agasallo de Reis o reloxo que pedira, mirouno no seu pulso e nesa mirada recoñecín a fortaleza de crer en todas as voltas de reloxo que lle quedaban por diante nesta segunda oportunidade.

Feliz ano para todos!
(Para Oucedo, para o Agustín, a Clara e o Avelino, eles saben por qué e para a miña aldea, Acevedo que sempre será o lugar para habitar).

Texto e fotos: Raquel Pérez Diéguez (Acevedo-Chandrexa de Queixa).

 

 

Artigos relacionados

Back to top button