CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A arte cobra vida nas rúas do casco vello de Petín

A IV edición da Mostra de Artistas da Comarca conta coas obras de 5 artistas consagrados e dúas xoves promesas

 

As obras de cinco artistas consagrados e dúas xoves promesas cobran nesta fin de semana vida nas rúas do casco vello de Petín.

En torno ás sete e media da tarde deste venres 18 de agosto, trala ponencia de Tarsicio Fernández Molina, membro fundador dos Escarbadores e membro do Instituto de Estudos Valdeorreses, abríase ao público a IV edición de MARCO, a mostra de artistas da comarca que nacía como “unha aposta decidida pola promoción da arte no rural, polo apoio e impulso dos artistas do noso entorno onde a combinación de obras, artistas, entorno, veciños e visitantes conforman unha experiencia artística irrepetible”, en palabras da organización.

 

Iván Prieto.

 

Así, os cadros no caso dos óleos, debuxos e acuarelas; e as figuras no caso das esculturas, están xa espallados polas empedradas e fermosas rúas que conforman un dos lugares máis fermosos e chamativos, non so do pobo senón de toda a contorna.

Comezando pola obra do escultor de Rubiá, Cochorro, que “mantén un discurso propio, á o marxe de modas, seguidismos e escolas,o que a fai a par brillante e auténtica”; e continuando pola pintura da barquense de Coedo Chus González, “colorista e agarimosa as máis das veces, sinxela pero cargada de entusiasmo”.

 

Lilí.

 

Desta mostra forma parte o polifacético José Luis Prieto, Lilí, natural de Santa Cruz (O Bolo) coñecido na comarca polos seus murais, que decoran tanto espazos públicos coma privados, presentando unha faceta menos coñecida que, de novo, “deixa patente non só o seu talento coas cores senón tamén a súa sensibilidade”.

De recoñecido prestixio e longa traxectoria é o barquense Iván Prieto, presente en MARCO na súa faceta de escultor, con algunhas das súa figuras creadas tras “sumerxerse nas imperfeccións e rarezas creando  personaxes surrealistas que rompen os cánones de beleza”.

 

Clara Quiroga.

 

Tamén consagrada é a traxectoria de Reme Remedios, natural de Romiña (Casaio) cuxa formación en “técnicas de gestalt, as metodoloxías artísticas, debuxos e obxectos bordados, permítenlle fomentar guías pedagóxicas para compartir itinerarios espirituais”. En Petín amosa algún dos seus debuxos “que xorden de visións súbitas ou deleites poéticos e afondan nos pregos da alma”.

 

Conferencia de Tarsicio Fernández Molina no Teleclub de Petín./ Foto cedida.
Asistentes á conferencia./ Foto cedida.

 

As artistas emerxentes son Clara Quiroga, especializada en acrílico, acuarela, ilustración dixital e cómic; e Alba Aizuru de Petín, cuxa técnica principal é o debuxo a lápis.

MARCO Petín volverá abrir ao público o sábado e domingo de 20 a 23 horas.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button