ConcellosEn portadaÚltima hora

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno centrarase no plan estratéxico 2024-2027

É un os puntos aprobados na asemblea xeral extraordinaria celebrada hoxe no Concello de Vilamartín de Valdeorras que asume a presidencia

A directiva da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, antes da asemblea no Concello de Vilamartín de Valdeorras./ Foto cedida.

 

Menos de catro meses despois de que asumise a presidencia, o Concello de Vilamartín de Valdeorras con Enrique Álvarez Barreiro á cabeza, acollía a asemblea xeral extraordinaria da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno creada no ano 2018 para “xerar futuro e desenvolvemento, coidar do territorio, das persoas e dos paisaxes, co Camiño de Inverno a Santiago como motor de unión”.

Á asemblea, celebrada na mañá deste venres 20 de outubro e á que asistían representantes dos municipios que forman parte da asociación, tiña como principal punto na orde do día a presentación do plan de acción no presente mandato. “O equipo técnico presentounolo á directiva e nós hoxe compartímolo coa asemblea, sendo aprobado por unanimidade”, asegura o presidente da asociación e alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.

O plan de traballo presentado hoxe será no que se centren os concellos membros da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno de cara aos vindiero anos (2024-2027) para “dinamizar as actuacións e potenciar a consecución dos seus fins, de acordo coas necesidades e propostas dos asociados”.

Tras analizar as deficiencias do Camiño (en canto a aloxamento, servizos básicos, difusión ou posicionamento nos buscadores de Internet) e tamén as fortalezas (auxe dos Camiños de Santiago, características xeográficas e turísticas,…) o plan estrutúrase en catro liñas de actuación (servizos aos peregrinos, difusión, xestión de colaboradores e desenvolvemento turístico).

Así os retos de futuro propostos pasan por “incrementar e mellorar os aloxamentos para atraer a chegada de peregrinos; expor novos servizos para as persoas que realizan o Camiño; crear unha imaxe corporativa común e proposta de valor baseada nos aspectos diferenciadores do Camiño de Inverno (historia, arte, expresións culturais, gastronomía, paisaxes naturais e culturais); deseñar campañas e establecer canles de divulgación que permitan chegar a máis persoas; aumentar e potenciar as colaboracións para seguir avanzando nos fins da Asociación; e potenciar o desenvolvemento turístico do territorio en colaboración con axentes locais, provinciais e rexionais”.

A Asemblea comprometeuse a traballar dentro de cada liña de acción, marcando e priorizando cada un dos obxectivos e actuacións que se detallan dentro do plan de dinamización. O obxectivo final e común de todos os concellos e municipios, tanto da Comarca do Bierzo (León) como de Galicia é “traballar xuntos dentro da Asociación, para a mellora, promoción, difusión do Camiño de Inverno, contribuíndo, con este plan, ao desenvolvemento local do seu territorio”.

Artigos relacionados

Back to top button