EntrevistasÚltima hora

“A biblioteca ten que reivindicar o seu papel”

Dende a Biblioteca do Concello de Verín, Aurora Prieto e Vicente Rodríguez impulsan dende hai 14 anos un proxecto de voluntariado premiado a nivel español e internacional e cuxos protagonistas son os máis novos

Aurora Prieto e Vicente Rodríguez, bibliotecarios de Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Cando comezaban a traballar na Biblioteca do Concello de Verín, alá polo 2007, descubrían que eran moi poucas as persoas que pasaban polas súas instalacións e que non había nenos. Entón Aurora Prieto Tarrío e Vicente Rodríguez Justo apostaban por darlle vida a esta biblioteca, situada no antigo Colexio San Jose (EE. CC. de la Salle). E para iso buscaban, precisamente, a implicación dos máis pequenos a través de orixinais e innovadoras propostas, enfiando lectura e diversión. Pouco a pouco, con moita ilusión e traballo, esa semente inicial prendía nun proxecto de voluntariado cultural que ten convertido á Biblioteca de Verín nun referente estatal pola gran cantidade de variadas actividades que promove, así como pola súa calidade, grazas á colaboración dos seus voluntarios. Ao longo destes 14 anos suma máis de 600 iniciativas de fomento da lectura, multitude de conferencias, presentacións de libros, exposicións, concursos, club de lectura… E, por suposto, o servizo estrela do verán: a Biblio-Piscina e Biblio-Rúa, atendidas por voluntarios.

E o seu labor non deixa de recibir recoñecementos. No 2011 esta biblioteca entraba na Unesco Network of Associated Libraries, é decir: pasaba a ser membro da Rede de Bibliotecas UNESCO. Ese mesmo ano recollía o premio á “Mellor iniciativa de España ao fomento da Lectura para Bibliotecas Públicas” e no 2016 e no 2017 recibía o galardón do “Alto Patrocinio do Parlamento Europeo”. Tamén conta con varias distincións do Premio María Moliner á animación á lectura, a última concedida neste mesmo verán. “A ninguén lle amarga un doce, para nós e para os propios nenos os premios supoñen un orgullo, e ademais ábrenche moitas portas. Pero o realmente importante é ter a sorte de vivir este proxecto de voluntariado, somos como unha familia, ti pasas a formar parte da vida dos rapaces e eles da túa”, resaltan emocionados Aurora e Vicente.

O voluntariado é un dos piares da Biblioteca de Verín, pero ten máis singularidades, ¿como definirían o seu modelo?

Aurora Prieto (A.P.): Como completo e diverso, non é unha biblioteca ao uso.

Vicente Rodríguez(V.R.): A clave está en ir buscando os buracos, en ir meténdose nos distintos segmentos da sociedade, onde vas atraendo aos rapaces con diversas actividades que deben ser atractivas para eles, e contando con voluntarios dunha idade parecida resulta máis doado.

A.P.: Cos rapaces de 14 anos en adiante xa é máis difícil, aí temos un baleiro…

V.R.: Si, non os damos captado, fagas o que fagas non responden, é o público que máis nos custa atraer. Sen embargo, cando son un pouco máis maiores e están facendo traballos na carreira ou necesitan información do fondo local, aí xa volvemos a recuperalos. E logo está o público adulto, no que, en función do que fagas atraes a un tipo de persoas ou a outro. Aí xa te moves en ciclos de conferencias, en escritores relevantes… O importante é que a biblioteca sexa parte da sociedade e que te vexan como algo necesario, que reivindique o seu papel. O que non podes é esperar sentado a que xente entre pola porta, así non vai funcionar nunca. Se cambias un pouco o modelo, serás capaz de chegar a máis persoas.

Outro factor diferencial é o esforzo por poñer en valor os fondos relacionados coa historia local e cos investigadores da zona.

V.R.: É que somos unha biblioteca municipal e temos que contar a nosa historia. Esta sala na que estamos, a de fondos locais, fainos agora mesmo diferentes e debe servir tamén para poñer en valor a persoeiros que tiveron un mérito enorme como Xesús Taboada Chivite, que empezou a estudar os castros nos anos 30 e a realizar as primeiras escavacións; ou a Eloy Luis André, que introduciu a psicoloxía en España, era o alumno predilecto de Unamuno. Un libro de Harry Potter haino en calquera biblioteca, pero un mapa da variante André, non. Iso convértenos en distintos, é a nosa especialización, o noso modelo de biblioteca tamén vai por aí. E iso implica, primeiro, conseguir os fondos, o que significa loitar coas persoas, coas familias e que confíen en nós, que traian ese material e o depositen aquí como unha doazón ou como unha cesión. É importante contar a nosa historia, tela aquí e coidala.

Despois de 14 anos á fronte da Biblioteca de Verín, ¿que supón para vostedes?

A.P.: Uff son moitas cousas: a xente, os nenos… O proxecto de voluntariado foi unha sorte, é o mellor, os nenos son como unha familia. E logo está a relación persoal cos escritores… Moitas veces pagaría por vir traballar, resulta moi enriquecedor.

V.R.: Si, é toda unha experiencia. Eu teño un fillo, pero logo teño aos rapaces do proxecto do voluntariado, entras nas súas vidas, convérteste en parte da súa familia e consúltanche cousas como a un máis. Ademais este traballo engancha e faite medrar. Non é normal, por exemplo, que nunha biblioteca dunha vila recibas a chamada dun autor que é Premio Planeta, pois aquí pasa.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do mes de outubro do Periódico SIL.

Artigos relacionados

Back to top button