CulturaCulturaÚltima hora

A bióloga Marisa Castro achega o universo das curandeiras na súa primeira novela

O libro, titulado "A saga das curandeiras", presentarase este venres 14 de abril na Casa da Cultura de Allariz

 

Marisa Castro presenta este venres, 14 de abril, ás 20h, na Casa de Cultura de Allariz, a súa primeira novela, “A saga das curandeiras”, nun acto organizado pola libraría Aira das Letras e polo Concello. Neste acto a escritora estará acompañada por Bernardo Varela, primeiro tenente de Alcaldía. Publicada en galego e castelán por Hércules de Ediciones, a novela, ópera prima desta recoñecida bióloga galega, presenta a Rosalía Carcedo, unha curandeira a través de cuxa vida convida ao lector a facer unha viaxe durante a primeira metade do do século XX, desde a súa Galicia natal, pasando polo Madrid da República e da Guerra Civil, ata a aldea de orixe á que volveu durante a ditadura. Alí, Rosalía, personaxe ficticio baseado na sabedoría dos antepasados da autora e dalgunhas curandeiras ás que visitou, continúa aplicando o seu coñecemento dos remedios naturais, a pesar da incomprensión e a incredulidade dos que a rodeaban.

A trama permite coñecer a relación das curandeiras coa poboación e coas autoridades civís e relixiosas. A autora recolle na novela receitas e casos particulares que coñeceu da man da súa familia e de varios anos de investigación «in situ» sobre o tema, e axuda a aproximarse ao uso das herbas e dos cogomelos, tanto con fins curativos como máxicos, nese mundo críptico das meigas galegas.

 

 

Natural de Lugo, Marisa Castro, investigadora, bióloga e micóloga, vén dunha longa saga de curandeiros: así, o seu pai, menciñeiro e compoñedor, foi a quinta xeración dedicada á aplicación dos remedios naturais na parroquia luguesa de Santiago de Sáa, aínda que el traballaba no Barrio da Ponte, onde casara. O seu afán por coñecer e investigar os seus orixes levouna a construír esta biografía ficticia na que verte o seu saber sobre este aspecto da etnografía galega.

Artigos relacionados

Back to top button