SanidadeÚltima hora

A Comisión de Lactancia da área sanitaria ourensá, en risco de desaparecer

Así o aseguran as súas profesionais nun comunicado de prensa que veñen de emitir

 

Dende a Comisión de Lactancia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco vén de emitirse un comunicado no que se alerta da súa posible desaparición. “A pesar da súa actividade continua durante case unha década ofrecendo apoio ás familias, a Comisión de Lactancia da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras recibiu recentemente a noticia de que nunca foi formalmente constituída”, explica no texto. Así indican que “durante unha reunión mantida en decembro entre a plataforma Loita e o xerente da área, este último comunicou ás asistentes a situación irregular da Comisión. Nese momento as integrantes da devandita Comisión entendimos por que levaban tres anos sen contestar as súas peticións de reunión con el, así como coa Dirección Asistencial e a Dirección de Enfermería, a pesar de solicitar audiencia en varias ocasións de maneira oficial”.

Dende esta comisión sinalan que “nunca sospeitamos desta situación irregular, xa que durante estes nove anos” realizaron a súa actividade “con normalidade sen que ninguén dese a voz”, matizando ademais que dispoñían dun correo corporativo; recibían desde hai uns meses reclamacións relacionadas coa lactación; os seus integrantes obtiñan permiso laboral para asistir ás reunións e dispoñían de espazo dentro do complexo hospitalario para reunirse.

“Durante estes anos, e con coñecemento da Dirección de Enfermería, a quen se enviaba todas as actas das reunións, a Comisión publicou unha Guía de Lactación para o persoal sanitario (presentada ao actual xerente) , trípticos informativos para profesionais e usuarias, actividades de formación en lactación materna para profesionais sanitarios (totalmente gratuítas para a organización, grazas á voluntariedade de organizadoras e relatores). Ademais creouse unha vía rápida para a valoración de posibles anquiloglosias en colaboración con Cirurxía Pediátrica. A Comisión interesouse polas reclamacións relativas á lactación nun intento de achegar solucións e actualmente estábase traballando na creación de novos talleres formativos. Unha dos seus integrantes estaba a preparar un estudo sobre as taxas de lactación tras o alta das nais”, continúa o comunicado.

Ademais, as representantes da comisión destacan que a desaparición desta entidade “implica a perda de profesionais comprometidas e formadas, dedicadas a mellorar a atención de mulleres e bebés lactantes. Supón, ademais, unha diminución na calidade asistencial a nais e bebés. A pesar de reiteradas solicitudes, a Xerencia, as Direccións Asistencial e de Enfermería, así como a Subdirección de Calidade, non mostraron interese por regularizar a situación da Comisión para poder continuar co seu labor”.

As profesionais sanitarias que actualmente integran este grupo de traballo amosan así mesmo neste comunicado o seu malestar ao “non recibir resposta por parte da Xerencia e as Subdireccións ás solicitudes de colaboración”. Ademais manifestan o seu “desexo de seguir traballando no apoio e a promoción da lactación materna, tanto dentro como fose do ámbito hospitalario”.

Artigos relacionados

Back to top button