CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

A foto de Cristina Sabucedo, profesora do CPI Laureano Prieto da Gudiña, gaña o concurso a través de Instagram da Galiciencia ’24

 

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), clausurou esta mañá a súa 19ª edición, baixo o lema “Mellor, de Madeira”. A súa finalidade é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, Educación Especial, FP e Bacharelato. Ao acto, no que se fixo entrega dos premios, asistiron a xefa territorial da Consellería de Economía e Industria en Ourense, Alicia López; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa; a presidenta da Confederación de Empresarios de Ourense, Marisol Nóvoa; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez; e o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo. No transcurso do evento anunciouse a temática de Galiciencia 2025: “Neurociencia e Saúde Mental”.

Primeiro premio

O equipo formado por Hugo Arribas, Alejandro Fidalgo e Aroa Álvarez, de Aulas Tecnópole (Ourense), desenvolveron “Cold Vibes”, un sistema refrixerado para o traslado de órganos aos hospitais para a realización de transplantes, baseado en placas peltier. Segundo os seus resultados, é máis eficiente e eficaz que as neveiras actuais. “O sistema habitual é pouco efectivo, principalmente pola dificultade de manter unha temperatura constante e controlada. Isto é moi importante, xa que un erro pode danar o órgano. O noso prototipo é de baixo consumo e pódese modificar a temperatura, que se amosa nunha pantalla”, sinalan. Ademais, a súa proposta incorpora un sistema de seguimento. En relación a este aspecto, remarcan que “á hora de transportar un órgano, é fundamental que tanto o hospital que o envía como o que o recibe coñezan en todo momento a súa localización, o que garante a coordinación dos distintos equipos”. O premio, dotado con 1.000 euros, permitiralles financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.

 

 

Segundo premio

O segundo equipo clasificado foi o formado por Aitana Méndez e Ariadna López, do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel (Lugo). Partiron da idea de que, “ante o incremento no número de incendios na Galicia interior, é un risco seguir realizando plantacións de piñeiro e eucalipto”. Así, estudaron as especies de árbores con interese madeireiro que existen no Courel, compararon prezos dos distintos tipos de madeira e como se debe realizar a súa extracción para que sexa sostible. Comprobaron que o 40% das frondosas se usan para leña e o 25% están abandonadas, polo que animan a incentivar a plantación destas especies, co fin de que nun prazo de entre 10 e 15 anos, ademais de contribuír a loitar contra o cambio climático, O Courel se convirta nunha potencia forestal con madeira de calidade. Este segundo premio, de 500 €, permitiralles participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao.

Terceiro premio

O terceiro premio foi para o proxecto de Aroa Gómez e Irene Gómez, do CPI de Mosteiro-Meis (Meis, Pontevedra). Estudaron en parcelas de piñeiros da Misión Biolóxica de Galicia a extracción de resina, unha substancia que actúa como principal defensa contra os inimigos naturais das árbores. “A extracción de resina faise en árbores vivas, o que supón unha forte agresión para as mesmas” -indican-. Investigaron como, ademais, este aproveitamento pode afectar ao comportamento dos animais, xa que durante o proceso pode verse alterada a emisión, por parte da árbore, de substancias volátiles que actúan como sinais aéreos para atraer aves insectívoras, mamíferos e artrópodos que se alimentan das eirugas presentes nos piñeiros, o que contribúe á súa eliminación. O equipo recibiu 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro.

Máis innovador: un peluche para calmar o estrés e a ansiedade

O proxecto máis innovador foi o de Irene López e Elena Mauriz, do IES As Lagoas de Ourense, que desenvolveron unha serie de sistemas de relaxación, en particular un peluche fabricado con materiais e elementos que axudan a calmar os ataques de ansiedade, xunto a unha aplicación para o móbil con xogos que permiten evadirse en momentos de estrés. “Preocúpanos a ansiedade e a saúde mental entre a mocidade, por iso decidimos afondar nestes problemas e ofrecer solucións novidosas”, salientan.

Mellor proxecto feminino: obtención de papel e cartón a partir de algas e fentos

O premio para o mellor proxecto liderado por unha nena foi para Andrea Araújo e Tony Baquiano, do Colexio Alborada de Vigo. Aproveitan tanto as algas que chegan ás praias como os fentos, recursos biolóxicos que ocupan grandes extensións e ao remate do seu ciclo de vida secan e cómpre retiralos. As algas conteñen celulosa, coa que obteñen unha pasta para facer papel e cartón, e con esta materia prima fabrican caixas e láminas. Por outro lado, dos fentos obteñen lignina, o que lles permite elaborar diferentes produtos como planchas finas de madeira, pellets para pezas ou combustible… e tamén como illante térmico de paredes e outras superficies.

Mellor método científico: obtención dun adhesivo ecolóxico para a madeira

O proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido foi para o liderado por Alba Bueno e David Souto, do Colexio Galén de Lugo. Obtiveron aceite esencial de cítricos utilizando distintas técnicas de destilación para logo empregalo como disolvente para poliestireno expandido, un material de refugallo que na actualidade se emprega en grandes cantidades -sobre todo en envases e elementos de protección- e é moi contaminante. O produto resultante tratárono con outros disolventes, obtendo finalmente un adhesivo adecuado para madeira e con baixo impacto ambiental. Deste xeito, conseguiron reutilizar un produto contaminante e darlle utilidade.

Mellor comunicación: un reloxo solar

O premio para a mellor comunicación e presentación oral recaeu en Natalia Piñeiro e Henar Díaz, do IES Santa Irene de Vigo. Estudaron a hora solar mediante a construción dun reloxo solar de contrachapado de madeira, usando tecnoloxía láser. A súa finalidade é afondar nas horas solares como método para coñecer mellor a relación entre o sol e a terra e a súa influencia no noso día a día ao longo do ano.

Mellor proxecto vencellado coa madeira: unha eco-casa de madeira

O mellor proxecto vencellado coa madeira foi o de María Padín e Claudia Filgueira, do Colexio Sagrado Corazón Mercedarias de Ferrol. Crearon o prototipo dunha eco-casa adaptada ao clima húmido de Galicia, que emprega a madeira como material principal, xunto a técnicas de construción sostibles e aproveitando recursos naturais como a luz solar e a auga da chuvia. Trátase dunha “vivenda cun ambiente saudable e confortable, con importantes beneficios físicos e mentais”, aseguran.

Mellor valoración popular: unha máquina recreativa de madeira

O premio do público foi para Ana Pita e Carlos Morán do IES de Ortigueira (A Coruña), que deseñaron e construíron con madeira unha máquina de videoxogos tipo Arcade, pioneira nos anos 80, e coa que xogan no centro no tempo de lecer. “Este proxecto permitiunos empregar diferentes técnicas de traballo coa madeira e afondar na montaxe de circuítos electrónicos pero tamén en competencia dixital e, o que é máis importante, en educación en valores porque, partindo dunha idea tola, fomos capaces de lograr moi bos resultados traballando en equipo con respecto e boa organización”, salientan.

 

 

Concurso de fotografía a través de Instagram

A alumna gañadora do concurso de fotografía a través de Instagram foi Aitana Sierra, do Colexio Miraflores de Ourense, coa imaxe Os canastros da Merca, na que amosa o importante papel da madeira no mundo rural, a través dunha construción tan nosa como son os hórreos. Na categoría de docentes, a premiada foi Cristina Sabucedo, profesora do CPI Laureano Prieto da Gudiña (Ourense), coa instantánea “Sen esquecer a tradición”, unha homenaxe ao traballo artesanal dos carpinteiros.

 

Artigos relacionados

Back to top button