CulturaCulturaÚltima hora

A mostra escultórica “Entroido. Mobiliario vestido” do vianés Piquico recala en Madrid

Poderá visitarse entre os días 9 e 31 de xaneiro na Casa de Galicia

Unha das pezas da mostra./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

 

“Dise que os personaxes do entroido non se disfrazan, vístense. “Entroido. Mobiliario vestido” pretende mostrar a continuidade entre corpo, roupa e moble”, asegura o escultor vianés Ángel Manuel Rodríguez Romero “Piquico”, autor das pezas desta singular mostra que agora recala en Madrid. En concreto, a súa inuaguración está prevista na tarde do 9 de xaneiro na Casa de Galicia na capital española.

Ademais do autor, no acto inaugural están previstas as intervencións de Javier Vázquez Prado, director da Casa de Galicia en Madrid, e de Manuel Sirgo González, membro da Academia de Cine. A mostra poderá visitarse ata o mércores, 31 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. ( en domingos e festivos: de 10:00 a 14:00 horas).

Deste xeito esta mostra coincidirá practicamente coas datas do Entroido, que comezará a cobrar vida a finais de xaneiro. Piquico recoñece que leva moi dentro o sentimento por esta tradición, que vivía dende cativo en Viana do Bolo, “razón pola cal levo preto de 40 anos desde que empecei a traballar sobre isto. Agora é o tema sobre o que me especialicei levándoo a distintas disciplinas como escultura, obra pública, pintura, deseño, debuxo, fotografía ou artes aplicadas”, confesa.

Esta escolma de escultura vén a “representar unha conxugación entre o atávico da festa e a modernidade, xogando cos personaxes do entroido, o seu animalario, como a mula, o oso ou o touro e os elementos típicos e simbólicos desta festa. O resultado son esculturas-personaxe “vestidas” de mobiliario ou ao revés – xa sexa unha mesa, un andel, un armario, unha lámpada, un pupitre escritorio, un botellero, unha cadeira, un espello, etc. en paralelo cos motivos do entroido”, explica o artista vianés.

 

O escultor Piquico co fondo dalgunhas obras desta exposición./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Trátase de obras “basicamente figurativo-xeométricas nas que interesa a expresividade, a masa descuberta, a forma ou a anatomía. Pezas orgánicas, xogando á vez co contraste da pura xeometría do mobiliario, o cubismo e a idea de corte, de ensamble, de bloque, ou de desbaste. Móstrase desde o máis duro todo o máis brando ou o máis áspero, xogando coa cor ou a textura provocados polas ferramentas e a forma”.

Para crealas Piquico bota man, principalmente, da madeira de varios tipos, pero tamén da lousa, pedra, papel de parede, da mármore, granito, ferro ou a iluminación. Os acabados das pezas van desde os naturais ou pulidos ata a policromía, pigmentación, lacado ou lustre, “dando brillantes transparencias de cor, efectos de esmaltado. A propia materia orgánica, xunto coas cristalinas transparencias ou material lacado, simbólicamente contrapostos, tentan conciliarse e simbolizar o representado”, indica o autor.

E, para construír estas obras, á parte de elaborar a escultura en si mesma, “teño que xogar con dous elementos máis, en primeiro lugar escoller un personaxe e logo adaptalo a unha función determinada e como obxecto utilitario, o que me leva a un traballo de deseño enorme previo, este triplo xogo de harmonización condiciona e dificulta enormemente a súa elaboración, un quebracabezas…aos que se lle xuntan posteriormente uns acabados minuciosos, moi coidados e detallistas, ao estilo dos propios traxes dos personaxes reais, coas súas cores, as súas texturas, a súa animalario, os seus sons, os seus movementos, os seus acabados, as súas expresións, os seus contidos ou o seu espírito… o cal me atrae e inspira mágicamente, engánchame para levalo á súa interpretación e cun grandísimo pracer”.

 

Artigos relacionados

Back to top button