CulturaCulturaÚltima hora

A mostra “Orixe” de Glorianna Ximendaz e cuxo curador é o valdeorrés Vítor Nieves, estréase en Lugo

Este é o proxecto ganador do XI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea

 

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos acollía este venres a inauguración de “Orixe”, da artista costarricense Glorianna Ximendaz. Esta mostra recolle nun formato expositivo o proxecto gañador da undécima edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e poderá visitarse durante todo o mes de febreiro neste espazo provincial.

O prestixioso premio, organizado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e outras institucións, recoñeceu un traballo sobre as violencias contra as mulleres, que a autora aborda desde a súa propia experiencia.

No acto participaron a artista, Glorianna Ximendaz, de xeito telemático, a deputada de cultura da Vicepresidencia da Deputación Iria Castro, así como os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e o valdeorrés Vítor Nieves, curador da exposición e outros representante institucionais.

“Orixe” estará na sede provincial ata o 29 de febreiro, e pode visitarse das 10:30 ás 14 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a sábado, e de 11 a 14 os domingos e festivos. Tras a estrea en Lugo, a mostra percorrerá outras cidades de Galiza e Portugal.

Sinopse do proxecto

Ximendaz utiliza a fotografia como ferramenta para desafiar as normas sociais, derrubar estruturas opresoras, fomentar a cura e o empoderamento, e celebrar a forza e a resiliencia das mulleres. A través das fotos das súas antepasadas, desde a tataravoa até ela propia, aborda temáticas como o poder patriarcal, os privilexios inherentes á masculinidade normativa e de clase, a ocultación e transmisión de violencias no ámbito familiar e social, as penalizacións impostas ás mulleres que desafían a orden patriarcal, a esixencia de patróns de beleza opresivos, a violencia obstétrica, e a sexualidade forzada.

O xurado da XI edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que visualizou proxectos chegados desde numerosas localidades de toda Europa, América e África estivo este ano composto por Rita Ibarretxe, historiadora da arte, curadora independente e fotógrafa; Paulo Cacais, director artístico do festival Álbum (Terrassa), curador e artista; Carla Bacellar, codirectora do festival Encontros da Imagem (Braga, Portugal) e curadora; Xosé Lois Vázquez, presidente da Asociación Outono Fotográfico, editor e fotógrafo e o curador e profesor Vítor Nieves. Por parte das institución patrocinadoras, Eduardo Ochoa, fotógrafo e presidente do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá (representando á Vicepresidencia da Deputación de Lugo) e Eva Torres, Directora Técnica de Espazos Expositivos e Áreas Museísticas do Concello de Ourense (en representación da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia).

 

Premio Galicia Fotografía Contemporánea

O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea naceu en 2013 co obxectivo de promover esta arte e as cuestións éticas que ten, en relación coas formas de dominación e a imposición de límites ao pensamento. Busca fomentar a creación dun espazo fotográfico en Galiza que complementen ao Outono Fotográfico. Nas últimas edicións os recoñecementos premiaron o traballo de Joan Alvado, Lois Cid ou Patricia Barbosa.

Artigos relacionados

Back to top button