OurenseÚltima hora

A ourensá Rosa Álvarez recibirá o Premio de Honra da Fundación AISGE no 25 OUFF

A actriz e directora teatral recollerá o galardón o 3 de outubro, durante a gala de clausura do OUFF, de mans de Isabel Blanco

A actriz ourensá nos Premios de Teatro María Casares.

 

En recoñecemento ao “conxunto da súa traxectoria”, a veterana actriz ourensá Rosa Álvarez será este ano a destinataria do Premio de Honra que concede a Fundación AISGE no marco do Festival Internacional de Cinema de Ourense (OUFF), que este ano chega á 25 edición. A artista recibirá o galardón durante a cerimonia de clausura do certame, na noite do sábado 3 de outubro.

Natural de Carballeda de Avia, Rosa Álvarez Cabo envorcouse no mundo da interpretación a partir de mediados da década dos oitenta, e a partir de 2001 deu forma á compañía teatral Lagarta Lagarta, fundada xunto ao seu marido, o tamén actor Ernesto Chao, falecido en 2018. “Rosa e Ernesto constituían un tándem. Amigos, confidentes, colegas, amantes, compañeiros a un do outro e o un da outra. Un exemplo de amor e harmonía, dese valor hoxe tan extinción que é a familia. Eran ouro puro”, asegura Isabel Blanco, actriz, patroa da Fundación AISGE e delegada de AISGE en Santiago de Compostela, que será a encargada de facer entrega á homenaxeada da súa figura. Blanco resaltou que este premio é “unha mostra de estima e admiración dos compañeiros” e, de paso, “un estímulo para a súa reconstrución anímica e artística, como o gran ser humano e a tan valorada compañeira que é”.

Álvarez emprendeu a súa traxectoria na gran pantalla con Esperanza (Chano Piñeiro, 1986) e Divinas palabras, rodada un ano despois por José Luis García Sánchez, antes de formar parte en 1989 do elenco de Sempre  Xonxa. Outras das súas películas importantes con El baile de las ánimas (1993), La rosa de piedra (1999), Trece badaladas (2002), La vida que te espera (2004, ás ordes de Manuel Gutiérrez Aragón) e Os mortos van á presa (2009), de Ángel de la Cruz, onde desempeñaba o papel de Carmiña, que lle valeu un nomeamento aos premios Mestre Mateo como mellor actriz secundaria.

OUFF en Curto e Fas Muvis 

Presentación das seccións Fas Muvis e Ourense en Curto do XXV OUFF.

 

Tras dar a coñecer o cartel oficial do 25 aniversario do OUFF, deseñado polo pintor de Celanova Baldomero Moreiras, e do premio Honra da Fundación AISGE, o Festival de Cine de Ourense vén de presentar os carteis das outras dúas seccións competitivas que forman parte do certame: OUFF en Curto e Fas Muvis, as dúas categorías estrela do certame, xunto coa Sección Oficial.

Coordinada por Miguel Grandío xunto con Laura Guizán,  a sección OUFF en Curto traerá ata Ourense o mellor do panorama galego de curtametraxes. “Aínda que este ano, por mor da situación sanitaria, o número de curtas participantes foi lixeiramente menor, cabe destacar igualmente o alto interese xerado polo certame, así como a variedade nas obras presentadas que xa é un dos sinais de identidade do OUFF en Curto”, afirman os coordinadores. O público ourensán e galego poderá gozar da alta calidade das curtas seleccionadas de balde e en pantalla grande, agrupadas en tres bloques.

Bloque 1: Mare, La penumbra, Conte Trencat, Selected Milk, Mentres iso pasa.
Bloque 2: To the sea, Onde dormen as gaivotas, Los que no sienten, A quién dices amar, Cuestión de autoridad.
Bloque 3: La última cena, La luz del camino, Postre, Papá, por que quitas a música?, Solo son peces.

O cartel de OUFF en Curto conta cun estilo cubista e é obra de Nuria Grandío, que xoga coas formas, o xeometrismo e a independencia dos planos.

Por outra banda, Fas Muvis, o concurso para rodar unha peza audiovisual na cidade de Ourense nun prazo de 48 horas tamén estrea cartel coa Ponte Romana como protagonista. Paulino Pérez e Enzo Sarmiento son os encargados de coordinar un ano máis esta sección que recibiu máis de 20 propostas, procedentes de toda Galicia e con grandes ideas, das que se escolleron aos seis equipos que participarán nesta edición de 2020: Auria Última Noite, A Gran Pantalla, Bagagem, O Panexírico de Narciso, Lémbrame e A Memoria Activa.

 

Artigos relacionados

Back to top button