CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A Romaría Raigame encherá de oficios tradicionais, gastronomía e artesanía Vilanova dos Infantes o 17 de maio

Foto: Romaría Raigame.

 

En total serán 120 os postos de oficios tradicionais, artesanía en xeral e gastronomía, que estarán distribuídos entre o interior e o exterior do núcleo de Vilanova dos Infantes na vixésime primeira edición da romaría etnográfica Raigame.

Este ano a romaría fixará a súa mirada no oficio dos tradicionais “dulceiros”, co fin de poñer o foco na actividade artesanal da docería, tan rica –nunca mellor dito-, non só nas terras de Celanova, senón tamén ó longo e largo das distintas comarcas da provincia de Ourense.

A esta intensa representación expositiva sumaráselle, coma en anteriores edicións, tódalas actividades de música, danza, representacións escénicas, etc., coa presenza, unha vez máis, dos danzantes de Vilanova e da Banda de Música de Vilanova á cabeza, que volverán a converter a Vilanova dos Infantes na capital do Día da Cultura Galega.

Dende hoxe xa poden ser consultadas na web www.raigame.gal, así como na redes sociais ligadas á propia romaría e ó Concello de Celanova, as solicitudes que lograron un espazo para poderen instalar a súa actividade durante toda a xornada.

Tanto dende o Concello de Celanova, coma dende o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo laméntase “moi profundamente non poder darlle unha resposta afirmativa a tódalas solicitudes presentadas -en total preto de 150-, pero a configuración da trama urbana de Vilanova dos Infantes é a que é (unha das razóns polas que a romaría resulta tan atractiva, pero non permite a instalación de máis espazos, tanto dentro coma fóra do burgo”.

Así mesmo, os promotores da romaría lembran que, “un ano máis, haberá un servizo continuo de dous autobuses históricos que entre ás 11,00 e as 19,00 horas comunicarán Vilanova dos Infantes con Celanova, co fin de que aquelas persoas que desexen asistir á romaría ou achegarse a Celanova, poidan facelo sen utilizar vehículo propio”.

A romaría Raigame está organizada e financiada polo Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organismo dependente da Deputación provincial de Ourense, e conta cunha colaboración económica da Axencia de Turismo de Galicia e de Abanca, así como coa colaboración da parroquia de San Salvador de Vilanova e outras entidades coma o Museo Etnolóxico de Ribadavia ou a coral De Ruada e, dun xeito especial coa implicación veciñal, “sen a cal sería imposible que Raigame teña chegado a ser a fermosa realidade que é hoxe”, din os organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button