Andainas-Trails-OrientaciónDeportesGalerías de fotosÚltima hora

A Ruta Ambiental “Vales Glaciares de Manzaneda”, en imaxes

 

Son aproximadamente 20 km dun percorrido circular, con inicio e fin a uns 2,5 km da Estación de Montaña de Manzaneda que permite descubrir e desfrutar os “Vales Glaciares” de Manzaneda. Esta ruta ambiental, promovida polo Concello de Manzaneda, estreábase este domingo cunha andaina na que participaban medio cento de persoas.

Ao longo deste traxecto pódense contemplar e interpretar os valores naturais, ambientais, paisaxísticos e culturais da Rede Natura 2000 das área de montaña Macizo Central. Atravesando os vales glaciares de Prada (aldea abandonada de Prada) e Aguilladas (Lagoa grande) e con derivación a antigo campamento militar romano de O Penedo dos Lobos. No decurso do percorrido tamén se poden ver os tradicionais curros dos pastores na serra e as torricelas que utilizan para guiarse pola serra.

Do mesmo xeito, este percorrido enlaza coas rutas de senderismo homologadas PR-G 138 Val Glaciar de Prada e PR-G 137 dos Soutos de Cesuris; configurando un terna de rutas que o camiñante pode percorrer por este territorio. Na Estación de Montaña tamén existe un panel grafiado e un enlace de como chegar ao punto de inicio ruta.

 

 

Neste domingo 26 de marzo, organizada polo Concello de Manzaneda coa colaboración da Estación de Montaña de Manzaneda e Celtia Travel-Xeitura, facíase unha ruta interpretativa de balde, na que entre as 10h. e as 17h., aproximadamente, percorríase o trazado con guías intérpretes titulados.

A marcha remataba cunha degustación de bicas de Panadería Raigada e da bica de castaña da Cooperativa Amarelante. Ademais entre os asistentes difundíase un triptico de información turística de Manzaneda así como de rutas do GDR Sil-Bibei-Navea.

 

 

Dende o Concello de Manzaneda agradécese a colaboración dos voluntarios das agrupacións de Protección Civil de Manzaneda e de Viana do Bolo, que velaron pola seguridade durante o percorrido, así como da Estación de Montaña pola súa aportación no avituallamento.

O Concello de Manzaneda levou a cabo o proxecto de creación desta ruta mediante axuda da Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a investimentos non produtivos vinculadas á realización de obxectivos agroambientais e climáticos na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020.

Fotos cedidas.

Máis información, fotos e vídeos:

Medio cento de persoas estrean a ruta ambiental “Vales Glaciares” de Manzaneda

 

 

Artigos relacionados

Back to top button