A música medieval tamén ten cabida no programa das Festas do Cristo e neste xoves 14 de setembro, o día grande, celebrábase no Teatro Lauro Olmo o concerto “Día das artes galegas Martín Códax”, onde a soprano Beatriz Riobó Agulla acompañada ao piano por Aleo Amoedo, interpretou un fermoso repertorio de pezas galegas.
O programa, organizado pola Real Academia Galega das Belas Artes en colaboración co Concello do Barco, incluía unha disertación sobre “Martín Codax, a identidade da música galega a cargo do académico de número Juan Durán, encargado tamén de explica a historia e o significado de cada peza.
Entre as pezas interpretadas esta tarde, destacan as 7 cantigas de Martín Códax versión para canto e piano de Margarita Viso: Eno Sagrado, en Vigo, Ai ondas, que eu vin ver, Quantas sabedes amar amigo, Ai Deus, se sab’ora meu amigo, Mia Irmana fremosa, Ondas do mar de Vigo e Mandad’ei comigo.
O repertorio completábase con Soedades de Marcial del Adalid a partir dun texto popular; As lixeiras anduriñas de Juan Montes del Adalid con texto de Salvador Golpe; Cantiga de José Castro Chané, con texto de Curros Enríguez; e Mayo Longo de José Baldomir con texto de Rosalía de Castro.
Fotos: Carlos G. Hervella.