EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

Aeva asegura que as “deficitarias infraestruturas de Valdeorras” limitan o seu desenvolvemento empresarial

Asegurábao a súa presidenta na asemblea que esta organización empresarial celebraba na tardiña do 20 de outubro no Casino do Barco

 

Na reivindicación histórica dunhas mellores conexións viarias e ferroviarias para Valdeorras, así como de telecomunicacións, incidíase novamente na asemblea que a Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) celebraba na tardiña deste 20 de outubro no Casino do Barco e na que se aprobaban a memoria de actividades e as contas da entidade, entre outros puntos. En concreto, a presidenta da entidade, Aracelo Fernández del Palacio, aludía ao proxecto da A-76, “que leva anos sufrindo planificacións fallidas, cambios de trazados, execucións a medias, reducións orzamentarias, retrasos, paralizacións e promesas incumpridas”.

Tamén se refería á situación do transporte público por estrada e por tren. “Os servizos de transporte público tanto ferroviario como liñas por estrada, son cada vez máis limitados, polo que se de verdade a clase política quere fomentar o rural, primeiro deberían considerar e valorar a importancia dunhas boas infraestruturas. No caso da nosa comarca son fundamentais, tanto para os nosos sectores estratéxicos actuais como para aqueles sectores que potencialmente puidesen establecerse aquí e non o fan por unhas infraestruturas deficitarias”.

 

 

Fernández del Palacio abordaba tamén na súa exposición ante os asociados o labor desenvolvido por Aeva na área do fomento do emprego, a través da súa axencia de colocación e do programa de orientación laboral. “Axudamos ás empresas a simplificar o proceso de selección persoal, e contribuíuse a ofrecer oportunidades de emprego á mocidade da comarca. No período de xaneiro-outubro de 2022 un total de 247 empresas fixeron uso deste servizo, realizándose un total de 91 proceso de selección e 214 entrevistas a candidatos. O número usuarios da axencia de colocación é de 3.411, rexistrando un incremento de 250 con respecto aos rexistrados en decembro de 2021”.

 

 

Con respecto ao servizo de orientación laboral, atendéronse durante o 2022 a un total de 558 desempregados. Ademais, engadía a presidenta, neste servizo detéctase “un incremento de déficit de man de obra tanto cualificada como non cualificada en todos os sectores, no soamente nos que poderíamos considerar máis tradicionais como son a hostalaría e a construción en canto a déficit de demandantes de emprego. Como parte da solución cremos firmemente en que a formación e a orientación son un piar fundamental para tratar de cubrir ese déficit, quizais sexa a través das novas normativas da formación profesional dual como a que se estableceu este ano no IES Lauro Olmo, que pon en contacto a demandantes de emprego e empresas”.

 

 

Así mesmo, a presidenta de AEVA repasaba proxectos realizados dende a asociación o pasado ano. a través dun convenio coa Deputación de Ourense, como “Gastromímate, unha ponte de sabores en Valdeorras” e accións formativas ligadas a AEVAempregaTE IV. Tamén se mencionaban outras campañas realizadas dende a asociación, así como diversas xestións con institucións e outras organizacións empresariais.

 

Empresas homenaxeadas ao cumprir 20 anos en Aeva.

 

Fernández del Palacio finalizaba a súa intervención asegurando que dende “AEVA seguiremos traballando e loitando pola nosa comarca e o seu tecido empresarial dende todos os flancos posibles a pesar de que o panorama nacional e internacional non sexa halagüeño“. E agradecía o labor da xunta directiva e “de todos os integrantes da asociación por seguir apoiando e dando sentido ao noso proxecto”.

Tras a asemblea, tiña lugar un acto de homenaxe ás empresas que cumpren 20 anos dentro de AEVA, que nesta ocasión eran tres: Carpintería La Artística SA da Rúa, Electrodomésticos Arias do Barco e Psicotécnico Clínica Doctor Sieiro (que non puido estar).

E, xa como broche, procedíase á clausura da man do escultor valdeorrés “Xelo de Tremiñá”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Xelo de Tremiñá: “En Valdeorras temos canteira de artistas, hai moitos e moi bos”

 

Artigos relacionados

Back to top button