Da súa vocación artística, traxectoria e tamén da decisión de quedar en Valdeorras para desenvolvela falaba o barquense Ángel García Álvarez, máis coñecido como Xelo de Tremiñá, na clausura da asemblea da Asociación Empresarial (Aeva), que se celebraba na noite deste 20 de outubro.
Na súa intervención comentaba que “nunca pensei en chegar a manexar unha gubia”, pero o certo é que das súas mans teñen saído destacadas esculturas, entre elas as maxestosas do paso da “Santa Cea”, trece figuras da Real Irmandade de Xesús Nazareno de Ponferrada, que saen cada Semana Santa.
E contaba a “pequena historia dende os comezos da miña vida neste pobo”, onde con 15 anos entraba de aprendiz no taller de ebanistería de Robustiano Iglesias. Pronto chegaría a ser o tallista oficial do taller e no 1959 ganaba o primeiro premio nunha exposición da sindical no Parque de San Lázaro de Ourense cuns relevos sobre a Rendición de Breda. “Eran 10.000 pesetas das daquela, moitísimo diñeiro”. Ese foi o empurrón definitivo que o levou a estudar escultura.
Ao rematar a mili, marchaba para Madrid e entraba na Escola de Artes e Oficios e despois, en Belas Artes. Logo, completaba a súa formación no taller do zamorano Alonso Coomonte, quen lle ofreceu a posibilidade de quedarse. Sen embargo, en 1968 Xelo de Tremiñá decidía regresar e montaba un obradoiro propio no Barco. Destacaba que os comezos foron difíciles. “Cando volvín ao Barco aquí non había nada, nin un carbociño, nin papel de debuxo… Empecei cun encargo para o colexio das monxas que me cedeu Coomonte ao marchar e que logo me abriu outras portas”. Detrás dese encargo veu outro e outro, e así ata agora.
E neses inicios a finais dos 60, xusto antes do Cristo, inauguraba a súa primeira e exitosa exposición en solitario no Banco Exterior da vila. A partir de aí desenvolvería unha destacada traxectoria con obra de arte sacra e realista, pero tamén abstracta, hoxe distribuída por diferentes lugares de España e do estranxeiro.
Concluía resaltando a importancia, tamén hoxe en día, da figura dos mecenas na arte e asegurando que “en Valdeorras hai canteira de artistas, hai moitos e moi bos” e que son necesarios máis apoios ás artes plásticas na comarca.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.