EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

AevaEmprego, unha ferramenta valdeorresa de intermediación laboral que cumpre 10 anos

Esta axencia de colocación, nacida no seo de AEVA no 2013, conta nestes momentos con 3.562 usuarios

 

A súa función é mediar entre os traballadores e as empresas para tratar de casar a oferta e a demanda de emprego, principalmente en Valdeorras. AevaEmprego nacía no 2013 como axencia de colocación autorizada polo Servizo Público de Emprego Estatal co fin de prestar un servizo integral de intermediación laboral. Constitúe un servizo da Asociación Emprearial de Valdeorras (AEVA), con sede no Barco, para demandantes de emprego a fin de valorar os perfís, aptitudes, coñecementos ou cualificación profesional das persoas rexistradas na correspondente oficina de emprego. Pero tamén para as empresas (estean ou non asociadas) que buscan futuros traballadores. Dende entón non deixou de medrar e agora conta con 3.576 candidatos (datos a 8 de xuño) inscritos na súa plataforma: https://empleo.empresariosdevaldeorras.com/ .

“Para as empresas asociadas a AEVA é un servizo gratuíto e para os non asociados ten un custos asequibles, que dependen do proceso, que pode ser dende un servizo estándar a un premium. O estándar sería a publicación da oferta de emprego, publicación en redes sociais e logo un reclutamento de candidatos á oferta, criba curricular e un envío de curriculos. O servizo premium inclúe todo iso, e a maiores, ten un filtrado técnico dos candidatos captados, iso quere dicir entrevista persoal, telefónica ou presencial, así como a elaboración dun informe de selección completo cunha avaliación final, e ese é digamos o custo máis caro”, explican dende AevaEmprego.

Para os demandantes de traballo este servizo é gratuíto. “Trátase dunha plataforma 100% online, na que o demante crea un perfil, fai un rexistro e introduce os seus datos. É algo sinxelo para calquera persoa cuns coñecementos básicos de alfabatización dixital. Tamén che permite subir o curriculo ou se a persoa cubre todos os campos a propia aplicación xa crea un”.

Base de datos actualizada

Deste xeito, a través da axencia os empresarios dispoñen dunha “base de datos actualizada de candidatos con diferentes perfís, e de persoal especializado na realización do proceso de selección, no asesoramento para a contratación, e no seguimento do proceso de incorporación da persoa contratada”, indican dende AevaEmprego.

Pola súa banda, os candidatos usuarios da axencia poden acceder ás ofertas de emprego publicadas e a aplicación informática, que lles permite introducir o seu curriculo e actualizalo. A páxina pode consultarse as 24 horas do día e está continuamente actualizándose, ademais aos candidatos envíaselles un mailing masivo semanal, é un boletín informativo como unha newsletter, na que se recollen as ofertas privadas novas e asofertas dos Boletíns Oficiais da Provincia, ou outro de tipo de información de interese”, explican dende a axencia.

O seu obxectivo é intentar chegar a un maior número de demandantes de emprego publicitando o servizo nas redes sociais. “Tamén traballamos en colaboración cunha Axencia de colocación do Bierzo, co obxectivo de favorecer unha maior oferta de candidatos. As ofertas xestionadas e pechadas dende 01/01/2022 son un total de 91, e as abertas (en proceso de xestión) 48. Ademais, a través do Servizo de Orientación Laboral, que financia a Xunta de Galicia, dende AEVA podemos detectar os perfís profesionais das persoas desempregadas, e asesoramos nas distintas técnicas de busca de emprego e nas demandas do mercado laboral”, matizan dende esta axencia.

 

 

Os perfís máis demandados

Os perfís máis difíciles de cubrir en Valdeorras son os de carácter técnico, é dicir, o persoal cualificado con estudos superiores: formación profesional (FP) superior ou formación universitaria. Moi complicado é así mesmo atopar perfís específicos como, por exemplo, o de colacador de lousa.

Ao igual que ocorre no resto de territorios o sector con máis demanda de traballo na comarca de Valdeorras é o da hostalaría, en concreto, os postos de camareiro e axudantes de cociña. “Dende a Axencia de Colocación uns dos postos máis demandados é o de administrativo, que se cobre en case todos casos, agás nalgunha oferta que require idiomas ou moi específica. Respecto as ofertas de difícil cobertura, trátase de perfís moi específicos como enxeñeiros, fisioterapeutas, técnico manicurista, todas elas con esixencia de formacións que non se ofertan na comarca”, aseguran dende AevaEmprego.

Así mesmo, dende esta axencia comentan que “a reducida oferta formativa en Valdeorras e as especialidades que se imparten nos centros de formación profesional non se adaptan as novas esixencias que demanda o mercado laboral. Nos últimos meses se está incrementando a demanda de man de obra porque tampouco hai relevo para os traballadores que causan baixa nas empresas por xubilación, incapacidade ou por outras causas”.

Por que faltan perfís técnicos en Valdeorras?

A boa parte das empresas valdeorresas cústalles completar as súas plantillas. “Hai carencia de perfís técnicos na comarca porque os cualificados, con estudos superiores, trasladan a súa residencia para realizar os seus estudios e habitualmente alí e onde atopan unha maior oferta de traballo. Outra das causas que detectamos e que en Valdeorras no hai posibilidade de cursar estudios de especialidades relacionadas coa realidade do sector produtivo que encaixen nas demandas do mercado laboral, e que a oferta de ciclos formativos é moi reducida e sempre a mesma, manténdose especialidades sen demanda laboral. Tampouco se apostou decididamente pola formación profesional nin se valorou como unha opción sólida para acadar emprego de calidade”, sinalan dende AEVA.

Artigos relacionados

Back to top button