ConcellosFolgoso de CaurelÚltima hora

As conclusións do proceso participativo para recuperar zonas afectadas por lumes, analizadas no Courel

O proceso atópase actualmente nunha fase de exposición, baseada na presentación de propostas, priorizalas segundo urxencia e recollida de novas propostas no caso de detectar outras necesidades

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, mantivo un encontro esta mañá con axentes sociais do Courel para abordar as conclusións do proceso participativo para a recuperación e xestión das áreas con recorrencia de incendios forestais. Estes resultados son produto das entrevistas e mesas de traballo feitas previamente. Á reunión tamén asistiron alcaldes e representantes dos concellos afectados por lumes.

Na xuntanza, o titular de Medio Rural recalcou a importancia da planificación como unha das máximas da Consellería, fundamental para a toma de decisións que permitan dar pasos seguros para a consecución dos obxectivos propostos.

As mesas que anteceden a esta reunión desenvolvéronse, aparte do Courel, nas zonas do Barbanza, do Macizo Central Ourensán, Valdeorras e Verín. Así, abranguen unha superficie de 17 concellos e máis de 245.000 hectáreas de terreo. Deste xeito, poderase avanzar en distintas fases para recuperar e poñer en valor estas zonas.

Nunha primeira e segunda fase xa rematada, segundo explicou o conselleiro, realizáronse un total de 132 entrevistas e 10 encontros de intercambio con máis de 60 axentes destas áreas, como cargos e técnicos de diferentes administracións, empresas xestoras, axentes forestais, profesionais da madeira, gandeiros, comuneiros e cidadanía en xeral. Os principais obxectivos deste proceso son a compilación de propostas de uso e xestión do territorio, dende os puntos de vista forestal, agrogandeiro, ambiental e social-recreativo, identificar os axentes interesados en levar a cabo propostas, así como priorizar as áreas de actuación de cara a mellora da resiliencia fronte ao lume.

O taller de hoxe tiña por obxectivo presentar as máis de 200 propostas recollidas, e avanzar na súa priorización segundo urxencia, así como na recollida de novas propostas no caso de detectar outras necesidades. Así, José González, afirmou que se pretende priorizar as zonas de intervención -diferenciando entre as distintas áreas afectadas polos lumes- e definir as actuacións a poñer en marcha que poden ser, entre outras, creación de descontinuidades e barreiras naturais contra o lume, a creación e mellora de infraestruturas, a posta en valor de áreas produtivas, patrimoniais, recreativas e ambientais ou a recuperación de áreas queimadas.

Seguindo esta liña, sinalou a importancia dos instrumentos que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria na anticipación aos lumes. Deste xeito, traballarase mediante as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, o banco de terra, os polígonos cortalumes ou as agrupacións forestais de xestión continua. Con todo, referiuse tamén a ferramentas como o Plan Forestal de Galicia, o Plan de Pastos, o Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña de Galicia ou o Plan Galego de valorización sustentable de madeiras frondosas caducifolias.

 

 

Actuacións a realizar

No caso concreto do Courel traballarase nos concellos de Folgoso, A Pobra do Brollón, Quiroga, Samos e O Incio. Esta zona foi unha das máis afectadas polos lumes do 2022, con áreas que na súa meirande parte pertencen a montes de xestión pública. Polo tanto, a partir da información recollida e do proceso participativo cos axentes locais do Courel, formuláronse unha serie de propostas de actuación.

Estas iniciativas de carácter xeral contemplan cuestións coma a valoración dos cambios de especies forestais, para mellorar as resiliencia fronte ao cambio climático e os lumes forestais; propiciar a xestión activa e o control da biomasa, contemplando o gando coo medio de xestión do territorio ou facilitar e fomentar a recuperación de soutos e doutras masas frondosas autóctonas.

Tamén se levarán a cabo actuacións de carácter institucional, como a implementación da execución de labores preventivos en diferentes montes veciñais en man común ou o fomento do asociacionismo e a xestión continua. Tamén se valorarán outras propostas relacionadas coa plantación de árbores froiteiras, a rehabilitación de vivendas ou o aproveitamento de zonas vitícolas de alto valor.

O conselleiro fixo fincapé na planificación estratéxica posta en marcha polo Goberno galego, que implicará unha acción integral no territorio. Para levar isto a cabo, tal e como indicou José González, cóntase coa colaboración aberta pola Xunta para crear un novo fondo público-privado para anticiparse aos incendios.

Neste sentido, agradeceu a incorporación de Inditex a este fondo, cunha achega de 9 millóns de euros, que permitirá intervir en 26 concellos e beneficiar a unhas 118.000 persoas. Este fondo naceu co fin de crear un territorio resiliente ao lume, restaurar os espazos afectados e levar a cabo unha política de xestión da paisaxe centrada na prevención.

O fondo permitirá realizar unha planificación transversal da área rural afectada delimitada polo seu perímetro natural, dando prioridade aos labores de prevención de incendios, ao tempo que se procurará a implantación de actividade agrogandeira e forestal sostible para apoiar a poboación local.

Este proxecto tamén contempla actuacións para impulsar a creación de descontinuidades na vexetación e nas masas arbóreas das zonas rurais afectadas polo lume, para evitar futuros incendios e reducir o seu impacto ambiental e socioeconómico.

Artigos relacionados

Back to top button