ConcellosO BarcoÚltima hora

As mocións para crear no Barco un heliporto de emerxencias sanitarias (do PP) e de WI-fi municipal gratuíta (do BNG), rexeitadas no pleno

En ambos casos producíase un empate a 8 votos, xa que faltaba un edil socialista, pero o alcalde desfacíao co seu voto de calidade

 

O voto de calidade do alcalde do Barco, o socialista Alfredo García, servía para decidir o rexeitamento de dúas mocións presentadas polos grupos da oposición (PP e BNG) no pleno ordinario de decembro, celebrado pola Corporación o pasado 14 de decembro. Un empate que se producía nas votacións ao faltar un dos 9 edís do grupo de goberno. A primeira das mocións en expoñerse era a defendida por Antonio Melo, edil do PP, e nela pedíase a construción dun helipuerto para emerxencias sanitarias no Barco.

“Ante determinados tipos de emerxencias sanitarias moi urxentes, a mellor alternativa para o traslado dun paciente no menor tempo psobile é o helicóptero. Dende hai anos vense utilizando o estadio municipal de Calabagueiros como zona de aterraxe de emerxencias improvisado. Este cumpre como medida provisional, pero non pode considerarse como algo definitivo. Dende este grupo municipal notamos a necesidade dunha infraestrutura básica como é un heliporto para complementar o bo funcionamento do hospital comarcal. Esta solventaría en certo modo as nefastas comunicacións por estrada que nos unen coa capital provincial”, tendo en conta a distancia existente co hospital de Ourense, dicía Melo.

O edil popular indicaba ademais que “actualmente existe un punto de aterraxe en Vilanova, pero atopámonos con que ese heliporto está destinado a aeronaves de extincións de incendios e durante as campañas do verán non disporíamos de dito servizo. Ademais, está nunha zona alonxada do hospital, cun acceso dede este lento e con tráfico intenso en varias franxas horarias cada día”. Por iso, o PP do Barco consdiera que sería necesario crear “unha superficie adecuada e con rápido acceso para a aterraxe do helicóptero, o que permitirá aumentar a efectividade da asistencia”.

 

O concelleiro do PP, Antonio Melo, durante a exposición da moción.

 

A moción do PP concluía pedindo que o Concello do Barco “designe unha ubicación apropiada para a construción dun heliporto destinado prioritariamente a emerxencias sanitarias” e que esta administración local “faga todas as xestións necesarias para a tramitación de permisos e autorizacións ante as adminsitracións pertinentes e habilite unha partida con crédito suficiente nos próximos orzamentos municipais para a redacción e execución do proxecto”.

Esta iniciativa popular si contaba co apoio do grupo municipal do BNG, cuxo voceiro, Suso Vilasánchez, indicaba que, “se ben o transporte aéreo é unha das mellores opcións, este atópase limitado por condicións atmosféricas ou de luz, é dicir de noite e se hai choiva ou neva, non está activo, e con néboas de certa importancia tampouco”. Tamén recoñecía que a localización de Calabagueiros era adecuada, “pero teñen vostedes razóns en que se hai un heliporto, mellor, e tamén habería que ver se é unha cousa que tería que facer o Concello ou o Sergas”. E engadía que o feito de que se conte cun heliporto “non vai facer que haxa máis helicópteros, nin que veñan de noite. E logo está o tema de atopar unha zona preto do hospital do Barco”. O concelleiro nacionalista destacaba que o realmente prioritario para O Barco sería, “o que vostedes nos apoiaron tamén, que era lograr unha base medicalizada do 061 e que foi unha mágoa que o seu grupo non nos apoiara en Compostela, pero ímoslle a apoiar a moción”.

Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García adiantaba que o grupo socialista non ía apoiar á moción, “pero non porque non esteamos dacordo cun novo espazo onde poidan aterrar os helicópteros sen interromper un partido de fútbol, senón porque o Concello non vai asumir ningunha competencia que non sexa municipal, salvo que sexa mediante unha petición directa do órgano correspondente suficientemente razonada e mediante a sinatura dun convenio ou algún documento que dalgún xeito nos diga que temos que colaborar. O Concello xa quixo facer unha zona de aterraxe para os helicópteros do Sergas cando estabamos coa última fase de urbanización do Malecón, pero viñeron de aviación e dixeron que non lles valía porque estaba ao lado das casas, tamén propuxemos facelo diante do antigo matadoiro e a resposta foi a mesma, entón non vai poder ser nin no casco urbano, nin nunha zona onde haxa casas. Non é tan sinxelo atopar un lugar. E eu nestes momentos podo adiantar que hai unha posibilidade de que haxa unha zona onde poidan aterrar os helicópteros, e o Concello non se nega a nada, pero quen ten que pedir isto é que ten a necesidade, a Xunta”.

 

O alcalde do Barco, presidindo o pleno.

 

O edil popular Antonio Melo incidía en que “si é competencia do Concello defender aos cidadáns do Barco” e en que este era un servizo necesario. Finalmente a moción non saía adiante. Malia conseguir 8 votos (5 do PP e 3 do BNG) e empatar a 8 co dos edís socialistas, o alcalde facía uso do seu voto de calidade co cal o resultado final era de 8 a favor e 9 en contra.

Implatación dunha rede WI-fi de balde no Barco

Na orde do día do pleno de decembro do Barco tamén figuraba unha moción presentada polo BNG para pedir a implatación progresiva dunha rede WI-Fi municipal de balde para o concello do Barco, defendida por Suso Vilasánchez. “Isto de meter O Barco en rede ía no noso programa do 2015 e do 2019 e creo que tamén no do 2011 e, creo que é unha cuestión de sentido común porque o Concello tamén o inclúe na Axenda Urbana”.

 

O edil do BNG no Barco, Suso Vilsánchez.

 

O BNG considera “imprescindible que o Concello asegure o acceso a internet para todos os seus habitantes, incluídos os dos núcleos afastados a través de radiofrecuencia, e consideramos necesario iniciar a implantación dunha rede WI-Fi que permita a conexión a internet da cidadanía barquense”. Ante isto Vilasánchez pedía na moción que o “Concello do Barco en contacto coas diferentes empresas que ofertan servizos de conexión a internet, impulsará a chegada da fibra óptica ou no seu defecto o 5G a tódolos recunchos do concello. O Concello do Barco instaurará WI-Fi de balde para a cidadanía en tódolos edificios dependentes da administración municipal, parques e prazas do concello, así como polo menos un punto de conexión en cada núcleo de poboación periférico antes de finais do ano 2025, intentando sempre acadar locais cubertos onde a cidadanía poida conectarse. O Concello do Barco presentará en Pleno un plan de desenvolvemento da implantación de Wi-Fi municipal de balde antes de rematar o ano 2024”.

O grupo municipal do PP amosaba o seu apoio á moción, tal e como manifestaba o seu voceiro, Manuel Núñez, “cremos que todo o mundo ten dereito a ter acceso a WI-fi, hai moita xente que incluso non pode pagala, entón deste xeito complementaríamos estas carencias. Pensamos que é necesaria para os nosos veciños”.

Porén, o grupo de goberno socialista, a través do seu alcalde, indicaba que “a cuestión non é apoiar ou non a moción, nós agora traemos a posibilidade de facer a Axenda Urbana, imos solicitar entrar nos fondos europeos, e van pensar nos temos adiantado. Eu xa expliquei isto en comisión, e díxenlles que este era un proxecto para 2 ou 3 lexislaturas, e polo tanto é un proxecto de Concello e non de grupo de goberno. Polo tanto, se trata de ser o primeiro que pon a pica en Flandes, senón que imos facer un proxecto riguroso”. E asegura que, “ademais, moitas das cousas que pide están en marcha, o Goberno do Estado está facendo o despregamento da banda ancha e penso que a finais do 2024 teremos todos os núcleos de poboación con banda ancha, que é o obxectivo. E tamén está en camiño a chegada do 5G e nalgunha das antigas escolas temos conexión a internet”.

A moción era rexeitada, cos votos en contra socialistas, facendo uso novamente o alcalde do seu voto de calidade.

Artigos relacionados

Back to top button