ConcellosLaroucoÚltima hora

Broche de ouro aos obradoiros CHEASdeVIDA en Larouco

Máis de 20 mulleres valdeorresas comprometidas con dar voz á muller rural

 

As mulleres de Freixido, Seadur e Larouco foron as protagonistas duns obradoiros de crecemento persoal que comezaron o pasado verán e se prolongaron ata finais deste mes de novembro. 

Esta iniciativa, desenvolvida pola cooperativa valdeorresa InCrescendo Colectivo, da man de Laura Fernández e a súa nai Elvira Fernández, busca crear unha comunidade de mulleres que apostan por un futuro mellor a través do autocoñecemento e a volta á nosa esencia. 

Así, ademais de poñer en valor a “intelixencia natural” con exercicios prácticos que lles permiten reconectar coa súa voz interior, a innovación e a sustentabilidade foron tamén aspectos chave neste proxecto pioneiro a nivel internacional que combina as novas tecnoloxías coa creatividade e a reciclaxe co fin de exportar o mellor da nosa cultura porque, segundo explican desde a cooperativa, “o noso soño é que Valdeorras, ademais de ser coñecida polo viño e a pizarra, sexa coñecida polo corazón das súas mulleres”.

 

 

“Somos como un neno que está aprendendo a ler… estamos descubrindo cousas que tiñamos dentro e que non sabiamos”, recoñecía unha das participantes. 

“Estamos desexando que chegue o día para xuntarnos e coser os corazóns”, coincidían moitas delas. 

 

 

Así, entre conversas e puntadas, nacía o podcast “CHEASdeVIDA” que xa recolle as voces destas mulleres valdeorresas e que foi estreado no C. C. Avenida o pasado 15 de outubro co gallo da celebración do Día Internacional da Muller Rural. 

 

 

Para moitas delas, unha oportunidade única de subir ao escenario e demostrar que “xuntas podemos conseguir que se nos recoñeza porque nós tamén somos persoas e podemos levantar o mundo”. 

Outras, coma no caso de Lucía ou Carmela, veciñas de Seadur, tamén observaron importantes cambios desde o primeiro obradoiro e asistiron á presentación do podcast no concello de San Xóan de Río, socio do programa #EnRede que, xunto co concello de Larouco, recibiu o apoio da Consellería de Emprego e Igualdade para esta iniciativa. 

 

 

Agora, mesmo se os obradoiros rematan, todas están desexando seguir participando nas actividades que a cooperativa vai levar a cabo para promocionar o podcast este Nadal e axudar ás familias a tomar un descanso das pantallas e empregar unha teconoloxía local ao alcance da man como son as nosas pizarras para “facer visible o invisible” e xerar novos temas de conversa desde o corazón porque, logo dun ano tan intenso, “merecemos unhas festas CHEASdeVIDA”, conclúe Laura Fernández. 

 

 

A emotiva clausura foi regada cuns viños espumosos que a adega Roandi da D.O. Valdeorras entregou ás promotoras para a ocasión. 

 

Artigos relacionados

Back to top button