ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A busca dos restos de Cervantes, contada pola antropóloga Almudena García en Verín

A directora do proxecto Cervantes explicaba cada un dos pasos desta investigación realizada na cripta das Trinitarias en Madrid e as conclusións obtidas

“Foi unha investigación a nivel histórico e científico chea de sorpresas e na que, sen embargo, á hora de transmitila houbo moita confusión nos medios de comunicación”. A arqueóloga e antropóloga Almudena García Rubio referíase deste xeito ao proxecto que se iniciaba no 2015 para buscar e identificar os restos do escritor Miguel de Cervantes, e que estivo baixo a súa dirección.

Da experiencia dese traballo de investigación falaba na tarde do 22 de febreiro nunha conferencia que impartía no salón de actos do Concello de Verín co título “Cervantes á luz da arqueoloxía. A escavación na cripta das Trinitarias”. Neste acto estaba acompañada polo forense Fernando Serrulla, quen presentaba a García Rubio e destacaba o seu labor no eido da arqueoloxía funeraria e o seu compromiso coas vítimas da guerra civil.

Na súa intervención, apoiada en diversas imaxes, Almudena García contaba como se xestaba a investigación, que implicaba a diferentes profesionais e institucións, para localizar os restos de Cervantes, falecido no século XVII e enterrado no Convento das Trinitarias de Madrid. Tratábase dunha busca con “metodoloxía arqueolóxica, científica e forense á que se sumou moita xente”, dicía.

Comezábase cunha investigación de arquivo e despois poñíase en marcha a escavación na cripta, a apertura dos diferentes nichos e tamén a escavación no solo do lugar, con diferentes niveis de enterramento, seguida dun proceso de análise dos restos atopados, co fin de atopar os corpos enterrados na época de Cervantes: un total de 17. A antropóloga diferenciaba cada un dos restos exhumados, entre os que había algúns de nenos de menos de 5 anos, cuxa datación se situaba no século XIX. Tamén había restos de adultos e entre os que se encontraban no solo e, máis en concreto no nivel denominado “caixa de redución”, estaban os datados no século XVII, é dicir, a época na que falecía o autor do Quixote.

Tras rematar a investigación, a directora do proxecto Cervantes concluía que estes últimos restos “son compatibles cos do grupo de persoas que se buscaba (entre as cales estaba Cervantes) e ante a suma compatibilidade puidera pensarse que algún deses restos pertencería ao escritor, pero non é posible individualizalos. Ata aquí chega a arqueoloxía e a antropoloxía forense”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button