CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Carlos X. Ares: “O Entroido é unha festa sen fronteiras”

Este investigador vianés falaba do "Jogo do entrudo no Brasil colonial: semellanzas co Entroido ourensán” nunhas xornadas da SAGA

O investigador social vianés Carlos X. Ares./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende finais do século XVIII as celebracións propias do Entrudo na época do Brasil colonial quedaban moi ben documentadas graficamente por diferentes artistas. Nunha desas obras, en concreto nunha litografía “Scéne de Carnaval” de Jean Baptiste Debret, apoiábase o investigador vianés Carlos X. Ares Pérez para amosar as analoxías existentes entre esta celebración, denominada “o jogo do entrudo, e diversas manifestacións do Entroido ourensán. Facíao na ponencia coa que participaba nas “IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza” da Sociedade Antropolóxica Galega, que se veñen celebrando dende o 12 de febreiro.

Ares principiaba a súa intervención enmarcando cronoloxicamente a etapa do Brasil colonial, comprendida entre os primeiros anos do século XVI e 1822, momento que se deu paso á parte do Imperio. “A presenza portuguesa leva aparellada a chegada dos costumes e tradicións propias, tendo impacto especialmente na poboación escrava. O Entrudo foi a primeira denominación coa que coñeceron a esta festa, da que desfrutaba tanto a poboación escrava e a libre de escasos recursos, como as elites; aínda que cunha serie de diferenzas en función do estatus social. Por exemplo, a alta sociedade desfrutaba dela en rúas afastadas ou ben nos bailes de salóns”, comentaba este estudoso vianés, que tamén situaba o ciclo da festa dende o que hoxe coñecemos como Domingo de Entroido ata o Martes.

A festa comezaba ao remate das duras xornadas laborais, saían entre o luscofusco, pintados de vermello ou branco, cantando e tocando marimbas ou instrumentos de percusión como os atabaques ou as zambombas. Ademais había batallas de fariña, que “lembran as fariñadas actuais de Viana do Bolo”, corrían lanzándose lama como na farrapada de Laza ou usando aparellos para botar auga. A imaxe de Jean-Baptiste Debret é moi significativa para ver en que consistía todo ese ambiente”, indicaba Ares. A gastronomía era outro elemento moi destacado da festa con doces como os sonhos e e os filhós, semellantes ás típicas orellas do Entroido.

A partir de 1822, coa independencia, os novos gobernantes tratan de poñer fin a todo o que tivera que ver cos costumes dos colonizadores portugueses, contando tamén co apoio da prensa, na que se falaba do Entrudo como “unha festa salvaxe á que se acusaba de provocar desorde e altercados”. Finalmente, o jogo acabou por desaparecer.

Carlos Ares tamén abordaba na súa ponencia a presenza das mascaradas de bois en terras brasileiras poñéndoas en relación con representacións similares que aínda hoxe se conservan na provincia de Ourense. E concluía destacando que “o Entroido é unha festa sen fronteiras que podería amosar analoxías en calquera punto onde se celebre”.

O relatorio pode verse nesta ligazón:
https://sociedadeantropoloxicagalega.wordpress.com/2021/02/13/o-jogo-do-entrudo-no-brasil-colonial-semellanzas-co-entroido-ourensan-por-carlos-ares/

Artigos relacionados

Back to top button