Chandrexa de QueixaConcellosEn portadaÚltima hora

Chandrexa abre os actos do Macizo Central como Capital Española das Montañas

O vindeiro 18 de abril acollerá a xornada "Enerxía e Deporte, Oportunidades para o Medio Rural"

Vista do municipio de Chandrexa de Queixa./ Foto: Raquel Pérez.

 

Chandrexa de Queixa vai ser a primeira das catro localidades galegas do Macizo Central Ourensán recoñecidas como Capital Española das Montañas, en inaugurar o ciclo de xornadas deste 2024 para celebrar esta distinción. Será o próximo 18 de abril, baixo o título “Enerxía e Deporte, Oportunidades para o Medio Rural”. Un evento que busca salientar a importancia das enerxías renovables como motores de desenvolvemento e sustentabilidade para os municipios rurais, así como poñer énfases no turismo deportivo como panca de desenvolvemento dos pobos de montaña.

Esta é a primeira vez que o galardón recae en Galicia e en catro municipios marcando un territorio, xa que ata o momento o premiado era un só concello. Así, Chandrexa de Queixa comparte esta capitalidade xunto a Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, que serán os seguintes escenarios en desenvolver outras xornadas.

A apertura contará coa presenza de Luis Menor Pérez, presidente da Deputación de Ourense, Miguel Gracia Ferrer, presidente de esMontañas e Francisco Rodríguez Rodríguez, alcalde de Chandrexa de Queixa. Abordaranse retos e oportunidades no ámbito das enerxías renovables coa participación de María Dolores Pascual Vallés, directora xeral da auga do Ministerio de Transición Ecolóxica, e Luis Fernando García Nicolás, presidente de FEMEMBALSES, moderados por Rosendo Fernández Fernández, deputado da Deputación de Ourense.

 

 

O programa inclúe os seguintes actos:

– 10:00h. Inauguración e presentación da Capitalidade 2024 coa intervención de representantes institucionais.
– 10:30h. Diálogo sobre un novo modelo nas concesións de explotacións hidroeléctricas entre a directora xeral da auga do Miteco e o presidente de FEMEMBALSES.
– 12:30h. Sesión sobre turismo deportivo e a súa contribución ao desenvolvemento sostible, con Tensi Carmona Miyares, presidenta da FEMPA, Diego Martínez Ribao, director da Chandrexa Trail, Rubén Bermejo Cañas, técnico de media montaña e promotor de Surbia Natura, e Jacobo Ucha Rodríguez, director técnico da Federación Galega de Ciclismo.
– 13:30h. Cerimonia de entrega de placas conmemorativas da Capitalidade.
– 14:00h. Clausura do evento.

Con esta capitalidade de montaña destácase o seu compromiso e interese pola preservación ambiental, así como pola loita contra o despoboamento rural con apostas no campo do turismo e actividades ao aire libre.

Esta capitalidade vai servir de altofalante dos municipios montañosos de Galicia, mostrando o compromiso destas catro localidades coa sustentabilidade ambiental e o progreso social e económico. Chandrexa de Queixa e os seus coanfitriones suceden a Candelario en Salamanca, representante da Capitalidade en 2023, continuando coa tradición de ser foros de intercambio de coñecementos e experiencias para enfrontar os desafíos comúns nas áreas de montaña.

A Asociación Española de Municipios de Montaña é unha entidade que avoga pola visibilidade e a mellora das condicións dos municipios montañosos, fomentando a cooperación e o intercambio de prácticas exitosas

Artigos relacionados

Back to top button