CulturaCulturaÚltima hora

“Chano Piñeiro ou a teima dun soño” narra a traxectoria do director de “Sempre Xonxa” rodada en Valdeorras

O libro, presentado na Deputación, está prologado por Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do Festival Internacional de Cine de Ourense

Presentación do libro sobre o cineasta Chano Piñeiro.

 

Ao longo de 200 páxinas, a través de texto e máis de 150 fotografías, moitas delas inéditas, o libro Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995) recolle a traxectoria vital e profesional do director do filme rodado en Valdeorras Sempre Xonxa e “un dos pioneiros do cinema galego”, segundo Manuel Baltar.

O presidente da Deputación, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o autor, Francisco Rozados “Rochi”, presentaba na mañá deste mércores 16 de setembro esta obra literaria editada por Fervenza coma  unha “homenaxe permanente a Piñeiro, unha das grandes figuras da nosa cultura e do noso cinema”, tal como destacou Baltar.

No acto de presentación, que contou tamén coa presenza da viúva de Piñeiro, Mariluz Montes, o autor do libro, “Rochi”, amigo do cineasta, dixo que esta publicación “recolle reflexións e experiencias persoais co cineasta galego ao longo dos anos”, e cualificou a Chano Piñeiro como “un xigante do noso cinema ao que Galicia lle debe moito e llo está devolvendo a prazos”.

 

Francisco Rozados, Manuel Baltar e Valentín García

 

O libro está prologado por Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do Festival Internacional de Cine de Ourense que colabora nesta publicación, continuando así o camiño que iniciou na edición de 2018 de achegarse ao mundo editorial con publicacións vencelladas co sector audiovisual. Neste sentido, o OUFF quere ser “plataforma para dar a coñecer traballos editoriais relacionados co sector” e, neste caso, faino cunha publicación dedicada ao pioneiro do cinema galego Chano Piñeiro. Este ano cúmprese un cuarto de século do seu pasamento e esta biografía pretende contribuír a ese aniversario coa lembranza “de quen merece gran respecto por ter sido o maior defensor do cine galego, por crear cine na nosa terra e na nosa lingua”, expresou Baltar

Na mesma liña, Valentín García lembrou as palabras de Piñeiro nas que dicía: “Facer cine en Galicia é posible; facer cine en galego é necesario”, subliñando que Chano Piñeiro “foi un enlace cos persoeiros de Nós, que soñaron con outra Galicia posible”.

Artigos relacionados

Back to top button