A CIG Saúde-Barco emitía neste 18 de outubro un comunicado no que se refería ao “abandono e desmantelamento progresivo do sistema sanitario do Distrito de Valdeorras. “Á insostible situación do servizo de hematoloxía, que segue manténdose en condicións precarias, con visitas puntuais de especialistas do CHUO (Complexo Hospitalario Universitario de Ourense) para pasar consulta un día a semana, hai que engadir a total falta de previsión da xerencia ante os problemas de persoal que arrastra dende principios de ano o servizo de Oftalmoloxía, no que un so oftalmólogo está cubrindo a totalidade do traballo do servizo dende fai meses. A pasividade e incompetencia na xestión da Xerencia da área sanitaria ourensá queda reflectida na incapacidade para resolver as carencias de persoal destes servizos”, asegura CIG Saúde.
Así mesmo indica que, “a todo isto temos que engadir a escaseza de persoal da que adoece dende fai tempo o equipo de medicina interna, e que de momento non ten visos de mellorar. Esta xerencia está a xogar de seguido coa saúde dos cidadáns valdeorreses, deixando de forma reiterada servizos sen a asistencia profesional sanitaria adecuada”. Neste senso, dende CIG-Saúde O Barco esíxese a “cobertura de todas as ausencias, tanto de persoal médico como do resto de persoal sanitario en todos os servizos que se están a ver afectados por estes “recortes” encubertos”.
Con respecto a estas afirmacións, dende a xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco respóndese que “o pasado mes de xuño pechouse o prazo da convocatoria pola vía de concurso de méritos, sen exame, para acceder a 2 prazas, con carácter fixo, de especialistas de hematoloxía e hematoterapia no Hospital Público de Valdeorras. Dentro dunha oferta de 30 prazas de persoal especialista con carácter fixo no Distrito Sanitario de Valdeorras: 21 en diferentes especialidades no Hospital Público e 9 adscritas aos centros de saúde A Pobra de Trives, O Barco e Carballeda de Valdeorras, A Rúa e Viana do Bolo”.
Por medio desta iniciativa cubriranse, segundo se matiza dende a área ourensá, “en total 2 prazas de Cirurxía Xeral e Dixestiva, 1 de Dermatoloxía, 1 de Endocrinoloxía, 2 de Farmacia hospitalaria, 2 de Medicina Interna, 1 de Microbioloxía, 2 de Xinecoloxía e Obstetricia, 1 de Oftalmoloxía, 1 de Pediatría, 1 de Radioloxía, 2 de Urxencias Hospitalarias, 1 de Hospitalización a domicilio, 1 de Pediatría de Atención Primaria, 5 de Medicina Familiar e Comunitaria e 1 de Enfermería de Saúde Mental. Prazas fixas, que darán estabilidade á plantilla e continuidade á atención como xa se fixo nas dúas convocatorias previas de atención primaria e que permitiron cubrir en Ourense 23 prazas de difícil cobertura, entre elas nos centros de saúde de O Barco, A Rúa, Petín, Larouco, Carballeda ou Rubiá”.
Sobre o servizo de hematoloxía no hospital valdeorrés, a xerencia da área sanitaria asegura que “desde a recente baixa maternal da hematóloga que desempeñaba esta labor en Valdeorras, a asistencia préstase de xeito coordinado e sen incidencias co Servizo de Hematoloxía, de referencia a nivel área. Nesta liña vencellar ausencias por enfermidade ou xubilacións con “recortes” é oportunista e falaz cando as prazas de oftalmoloxía e medicina interna están incluídas nunha convocatoria actualmente en vías de resolución”.