EconomíaEconomíaÚltima hora

Concentración de protesta en Ourense fronte ao baleirado sanitario da granxa de Palleirós (Manzaneda)

 

Numerosos gandeiros concentrábanse esta mañá diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense para manifestar o seu apoio á granxa de vacas de Palleirós (Manzaneda) afectada polo baleirado sanitario, ao detectarense nela tres positivos por tuberculose bovina, así como “para protestar fronte ao sacrificio obrigatorio de centos de animais e as indemnizacións de miseria vinculadas á declaración de Zona de Prevalencia 0 de tuberculose bovina no territorio galego”.

Finalmente os gandeiros afectados e o representante do Sindicato Labrego Galego (SLG) na comarca, Xosé Manuel Parente, eron recibidos pola secretaria do Subdelegado da Xunta de Galicia en Ourense. “Esta persoa comprometeuse a trasladar as nosas reivindicacións a Santiago a fin de facilitar unha xuntanza. Pola nosa banda solicitaremos unha reunión co subdirector xeral de Gandaría e o Conselleiro do Medio Rural”, segundo asegura o SLG.

“Parécenos totalmente inaceptable que non se presentara hoxe aquí o subdirector xeral de Gandaría, ante un caso tan grave como é o baleirado sanitario desta explotación de Manzaneda”, aseguraba Xosé Manuel Parente. “A distancia entre Santiago e Ourense é a mesma que dende Ourense a Santiago, así que se eles non queren vir aquí imos ter que ir nós alí e van ter que recibirnos e dar cara, xa non só diante do Sindicato Labrego Galego, senón diante das dúas persoas ás que truncaron o seu futuro e medio de vida a semana pasada sacrificándolle 46 cabezas de gando”.

Dende a concentración, a tamén gandeira e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba Seivane, cualificou de “auténtica barbaridade” a actual actuación da Xunta de Galicia coa xestión da tuberculose bovina. “Dende o ano 2021, no que se declara a prevalencia 0 na Galiza, a práctica que teñen é con un positivo en laboratorio matar tódolos animais da granxa. Pero se estas granxas estiveran en territorios cunha maior prevalencia da enfermidade non chegarían a matar a tódolos animais, seguirían analizando ata demostrar que non queda ningún animal positivo, non tendo polo tanto consecuencias tan duras como as que están a ter as nosas granxas. Sentímonos absolutamente discriminados”.

Ademais, Isabel Vilalba engadía que “os novos animais que merque esta granxa non van ter mellores garantías de que non volten dar positivo daquí a un tempo, entre outras cousas porque a tuberculose mantense nos reservorios silvestres, nas poboacións de cérvidos, corzos ou xabaríns, abundantes no noso territorio. Polo tanto, non nos parecen proporcionadas nin xustificadas estas medidas que se están a tomar”.

Xosé Anxo Pérez Rúa, representante do SLG na comarca, salientou a inxustiza de que dúas persoas gandeiras se vexan nunha situación tan grave por mor de “decisións políticas”. Nesta mesma liña, explicou: “a categoría indemne en tuberculose en Galicia outórgalle á actual Consellaría de Medio Rural unha posición privilexiada para xustificar ante Bruxelas a redución de custos en saneamento gandeiro, a redución de custos en reposición de animais mortos e a redución de custos en lucro cesante. Estes recortes páganos logo granxas como esta de Manzaneda, que vai ter que afrontar perdas superiores aos 30.000€ e tardará alomenos dous anos en voltar a producir. O actual estatus de prevalencia 0, prexudica enormente os intereses das gandeiras e dos gandeiros”.

Así mesmo, indica que “aínda hai gandeiras e gandeiros que teñen estima polo seu gando, e é moi duro psicoloxicamente desfacerse de todos os animais por decisións alleas e sobre todo por criterios administrativos”.

Dende o Sindicato Labrego Galego piden “un diálogo directo inmediato ca Consellaría do Medio Rural e a Subdelegación Xeral de Gandaría para abordar esta situación, e demandamos -canda as medidas aprobadas o pasado 15 de marzo en Manzaneda-, que sexa a propia administración a que se encargue de levar os animais ao matadoiro e de repoñer outros animais sans a custo 0”.

Artigos relacionados

Back to top button