DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Concha e Xosé Manuel, campións do VII campionato de Bolos Celtas dos Anguieiros (Quiroga)

O torneo celebrouse o domingo 22 de xullo no marco das Festas da Madalena

Un total de 22 xogadores, 8 mulleres e 14 homes, participaron no VII campionato de Bolos Celtas dos Anguieiros, celebrado o 22 de xullo no marco das Festas da Madalena, nesta localidade do concello lucense de Quiroga. Tal como explican dende a Asociación Boca do Monte, organizadora do campionato, “o número de xogadores vai aumentando un pouquiño cada ano pero nun número polo de agora asumible para os membros da asociación”.

Unha das novidades desta edición foi que se fixeron menos roldas que en anos anteriores “para axilizar o xogo e poder acabar a tempo sen solaparnos coa celebración da misa”. Despois de varias roldas, con fase eliminatoria polo medio, chegouse á final que “non tivo moita disputa no primeiro posto pero si nos seguintes tendo que recorrer ao desempate entre varios xogadores coa mesma puntuación. Na parte das mulleres tamén pasou algo semellante, un triple empate a puntos que provocou xogadas entre elas para establecer a clasificación final”, puntualizan dende Boca do Monte.

Na categoría feminina, a campiona foi Concha de Anguieiros, na segunda posición quedou Natalia de Ribeira, en terceiro lugar Laura de Noia, en cuarto posto Tania dos Covallos e en quinto lugar Pilar tamén dos Covallos.

Con respecto á categoría masculina o gañador foi Xosé Manuel de Anguieiros, segundo por Salva dos Covallos, Vicente de Enciñeira, Manuel de Monforte e Xerardo “o neto do Gervasio”. Os gañadores da edición 2017 remataron este ano de quintos e malia ter anunciado 4 premios a organización quixo ofrecer tamén un agasallo para os que remataron en quinto lugar.

Ademais do torneo disputado o domingo, o sábado 21 pola tarde fíxose unha demostración de Bolos Celtas cos máis pequenos na que participaron uns 14 cativos. “A idea é que tamén poidan participar de xeito simbólico e de forma non competitiva os para que coñezan a tradición”, aseguran dende a organización.

Fotos: Asociación Boca do Monte.

Artigos relacionados

Back to top button