SanidadeÚltima hora

Conclúe o uso xeralizado da máscara en centros sanitarios, tras máis de 11 millóns de máscaras usadas na área sanitaria ourensá

O seu uso recoméndase nas áreas de Urxencias, Críticos, Onco-Hematolóxicas e Quirófanos asi como ante pacientes vulnerables ou contaxiosos

ersoal da planta 6ª (Unidades Norte e Sur) do Hospital Universitario de Ourense, unha das que concentrou a atención aos pacientes Covid hospitalizados durante a pandemia, xa sen máscara./ Cedida.

 

A publicación hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) da Orde SND/726/2023, de 4 de xullo, marca o punto final da pandemia de Covid e elimina a obriga de usar máscara, con carácter xeral, nos centros de saúde e hospitais, onde se consumiron desde o inicio da crise sanitaria máis de 11 millóns de unidades, só na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, recomendándose manter o seu uso nas áreas de Urxencias, Críticos, Onco-Hematolóxicas e Quirófanos.

Tres anos cargados de compromiso, determinación e “sentidiño” de profesionais e cidadanía no empeño común de protexer a poboación, e moi especialmente aos máis vulnerables. Neste empeño as máscaras teñen sido un aliado esencial, para evitar a transmisión de gotas e aerosois, e por tanto de contaxio de virus, sempre que se faga un uso correcto –como non reutilizalas- e se coloquen axeitadamente.

Para as persoas vulnerables, baixos de defensas, con pluripatoxías ou enfermidades crónicas, transplantados ou a tratamento onco-hematolóxico, o uso de máscaras aporta un elemento protector, especialmente en espazos concorridos, mal ventilados ou onde exista un risco de exposición, como no contacto cun enfermo.

Uso solidario da máscara

O uso da máscara deixa de ser obrigatoria, pero o seu uso non está prohibido, e segue a ser aconsellable en moitas situacións para protexer aos que nos rodean, limitando a transmisión de patoloxías comúns, como a gripe e outros virus que xeran desde gastroenterite a infeccións respiratorias, moi especialmente en espazos mal ventilados, ante anciáns ou enfermos, xa que a máscara ten un efecto protector e solidario, sobre todo, para quen nos rodea.

A solidariedade e espírito de protección do noso entorno é unha aprendizaxe clave destes tres anos de crise sanitaria, que pon en valor o seu uso ante a presenza de síntomas, para evitar contaxiar aos que nos rodean, práctica solidaria habitual en certos países do sudeste asiático, que afortunadamente é cada vez máis habitual no noso medio, ao igual que unha correcta hixiene de mans, ou cubrise nariz e boca co cóbado cando esbirramos ou tusimos.

Máis de 11 millóns de máscaras

Segundo os datos recollidos pola Dirección de Recursos Económicos, desde mediados de marzo de 2020 a xuño deste ano 2023, na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras nos tres hospitais, centros de saúde e PACs empregáronse máis de 11 millóns de máscaras por parte de pacientes e profesionais e, en moitos casos, tamén visitantes.

 

 

É difícil determinar exactamente o consumo individualizado en cada área e unidade, especialmente tendo en conta a distribución centralizada das primeiras semanas, pero a modo de exemplo, xa que son moitas máis, contabilízanse 436.392 máscaras neste periodo no servizo de Urxencias do Hospital Universitario de Ourense; 88.231 no de Verín e 76.910 no de Valdeorras. Igualmente no Punto de Atención Continuada, PAC, con maior referencia poboacional, o de Ourense, empregáronse 46.170 unidades, seguido do de Xinzo de Limia con 43.088, ou o de Carballiño con 24.370.

Outro punto de intenso consumo foron as principais plantas destinadas á atención dos pacientes Covid durante a pandemia, claro indicador da súa intensa actividade. Por exemplo, só na sexta planta, do Hospital Universitario (unidades norte e sur) empregáronse 330.742 máscaras. Intensidade paralela nas unidades asignadas a este fin nos dous hospitais comarcais, como a unidade Azul no de Valdeorras, con 111.270; e a unidade verde no de Verín, con 82.355.

O emprego de máscaras nas áreas de críticos tamén son un símbolo do seu papel clave durante a crise sanitaria: 209.675 na UCI e 184.320 en Reanimación.

En Atención Primaria o Centro de Saúde de A Ponte acadou o maior consumo neste periodo, con 90.533 máscaras; seguido de A Cuña-Mariñansa, con 76.610; Valle Inclán con 75.072; Carballiño 59.145; Verín 48.921… Son só algunhas cifras que ilustran o intensísimo esforzo e compromiso dos profesionais da sanidade pública e da propia cidadanía.

Artigos relacionados

Back to top button