OurenseÚltima hora

A cristianización na Gallaecia centra a segunda xornada do congreso sobre San Martiño

As conferencias de hoxe, 15 de novembro, celebráronse no Liceo de Ourense
O historiador e coordinador do congreso, Jorge López Quiroga, na súa intervención no Liceo de Ourense.
O historiador e coordinador do congreso, Jorge López Quiroga, na súa intervención no Liceo de Ourense.

Despois da inauguración no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o Liceo de Ourense acollía a segunda xornada do congreso internacional de San Martiño de Tours na que Jorge López Quiroga, coordinador do congreso, expuxo o marco xeral do proceso de cristianización na Gallaecia no ámbito rural nos séculos V e VI. “Unha panorámica sobre o que sabemos do proceso de cristianización, os restos e as evidencias que temos como introdución aos relatorios sobre estudos máis detallados de distintos bispados”, sinalou Jorge López Quiroga.

Chegado desde Viena, por primeira vez en España, o director do Instituto de Estudos Medievais, Walter Pohl ofreceu durante o seu relatorio, unha nova visión sobre a identidade dos seuevos que non se enfoca hoxendía como unha cuestión étnica senón que “o que hai é unha mestizaxe de moitos pobos e a identidade que eles constrúen depende do contexto socio político”. Pola súa parte, Tivadar Vida da Universidade de Budapest, abordou a cuestión da cristianización na zona de onde son orixinarios San Martin de Tours e San Martin de Dumio (A Pannonia), e presentou un panorama, desde o punto de vista da arqueoloxía, das evidencias, dos restos, de elementos de cristianización ligados á actividade de San Martin e cómo se relaciona coa poboación que estaba alí.

Christine Delaplace da Universidade de Caen, catedrática de Historia Antiga, falou da actividade de San Martin de Tours na Galia (Francia), desde unha perspectiva dos textos e da arqueoloxía; e Miljenko Jurkovic, da Universidade de Zagreb, Croacia, presentou un panorama de cristianización de Dalmacia (costa da Croacia actual), un territorio cunhas dimensións similares a Galicia con 18 bispados, algo que nin no maior momento de expansión do cristianismo aquí se deu.

Mañá mércores, 16 de novembro, as actividades darán comezo ás 9 horas para poñer rumbo ao Mosteiro de San Salvador de Celanova e á Capela de San Miguel, ao Centro de interpretación e xacemento de Aquis Quarquernnis, e á Igrexa de Santa Comba de Bande.

Pola tarde, os participantes regresarán ao Centro Cultural Marcos Valcárcel para retomar os relatorios que comezarán coa intervención de Artemio M. Martínez Tejera (Universidade Autónoma de Madrid) que falará da “Arquitectura cristiá no Regnum Suevorum Hispaniae (411-585 AD): entre o ideal e a praxis”. Continuará, Marcos V. García Quintela (Universidade de Santiago de Compostela) con “A construción da paisaxe cristiá de Galicia: estudo interdisciplinar e mirada antropolóxica”. Despois do descanso, será a quenda para Miguel Ángel González García, director do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense e do Museo Catedralicio de Ourense, quen falará da memoria de San Martín de Tours no Ourense Medieval: iconografía e reliquias. Pola súa parte, Luis A. García Moreno (Universidade de Alcalá) falará da “diverxencia relixiosa e construción de identidades étnico-políticas nos Reinos suevo e godo”. Adolfo Fernández Fernández (Universidade de Vigo), pechará a xornada co relatorio “O noroeste peninsular como centro neurálxico do comercio atlántico durante os séculos V ao VII. Unha perspectiva novidosa da Gallaecia suevo-visigoda desde os datos arqueo-históricos”.

Artigos relacionados

Back to top button