PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez e Paula Quinteiro recollen as demandas do sector apícola galego

Os deputados de En Marea destacaban, tras un encontro coa Asociación Galega de Apicultura, a necesidade de impulsar un proxecto de Lei apícola para Galicia
Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, deputados de En Marea, na xuntanza coa AGA.
Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, deputados de En Marea, na xuntanza coa AGA.

En Marea ten previsto pedirlle á Consellería do Medio Rural que convoque de xeito urxente a comisión de seguimento para o control da vespa velutina, dada a grande proliferación e as súas consecuencias para as abellas autóctonas. Así o manifestaba esta formación, tras a reunión que os deputados Davide Rodríguez, de Manzaneda, e Paula Quinteiro mantiñan coa Asociación Galega de Apicultura (AGA). No decurso da xuntanza esta entidade expoñíalles as necesidades do sector, que facía fincapé na problemática da vespa velutina.

Outra das súas prioridades é o proxecto de Lei apícola para Galicia. “A lexislación existente sobre a materia (RD 209/2002 de 22 de febreiro pola que se establecen as normas de ordenación das explotacións apícolas, e o RD 1049 /2003 polo que se aproba a norma de calidade relativa o mel, a nivel estatal, xunto co Decreto 339/2009, do 11 de xuño sobre ordenación sanitaria e zootécnica das explotacións apícolas en Galicia, ocúpanse da apicultura profesional. Toda a normativa está enfocada polo tanto a regular o aspecto produtivo da apicultura esquecendo a súa protección como un dos oficios tradicionais de Galicia. Xunto a isto, é certo que a dispersión normativa existente, estatal e máis autonómica, non permite fixar un réxime de protección para a apicultura uniforme e único, que de seguridade a actividade, como salientaron os representantes do sector”, sinalan dende En Marea.

Neste senso, os deputados de En Marea comprometíanse a levar ao Parlamento de Galicia as peticións do sector destacando a necesidade de regular distintos aspectos, como reclama o sector, e que están xa regulados noutras partes do Estado e Europa. Por iso esta formación política “solicitará a elaboración dun proxecto de lei que teña en conta as necesidades e reclamacións do sector e que poda entrar en vigor nos vindeiros dous anos”.

Os representantes de AGA destacaron a necesidade dun cambio normativo, por un lado, que permita fixar unha regulación uniforme de todos os aspectos da apicultura, e por outro lado, que contemple tamén a protección da pequena e mediana apicultura, como oficio e tradición do noso país.

Artigos relacionados

Back to top button