A rolda de contactos cos diferentes alcaldes da provincia é un dos plans que que se propuxo a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, tras xurar o seu cargo . Hoxe acudiu até Arnoia e Leiro para reunirse cos seus respectivos alcaldes. Dende o gabinete da Delegada resaltan que o obxectivo destes encontros é “coñecer de primeira man as necesidades dos concellos da provincia, así como analizar os proxectos que pode desenvolver o Goberno galego neles”.
Rodrigo Aparico Santamaría, alcalde de Arnoia, foi o primeiro en recibir a Díaz Mouteira. A máxima representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle ao rexedor deste municipio da comarca do Ribeiro “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” co fin de obter a coordinación necesaria coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida.
O segundo concello na lista de visitas da delegada da Xunta foi Leiro, onde mantivo unha xuntanza co seu alcalde, Francisco José Fernández Pérez. Ambos os dous políticos falaron de futuras actuacións a facer no termo municipal e Díaz Mouteira aseguroulle a Francisco José Fernández Pérez que lle ía brindar toda a colaboración da administración autonómica “coa fin de lograr o progreso e benestar deste municipio”.