En portadaEntrevistasÚltima hora

“Esperamos que toda a comunidade educativa participe no 50 aniversario do CEIP Condesa de Fenosa”

Carmela Fernández, directora deste colexio do Barco, percorre nesta entrevista a súa historia e adianta como será a celebración deste medio século de vida

A directora deste CEIP, a barquense Carmela García, xunto ao mural do 50 aniversario./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con suma ilusión, ledicia e entusiasmo o CEIP Condesa de Fenosa do Barco ultima os detalles da celebración do seu 50 aniversario, que terá como datas centrais as do 2 e 3 de xuño. “Esta ocasión é fantástica para xuntarnos familias, antigo alumnado, profesorado das diferentes etapas e poder lembrar momentos que todos temos presentes do noso paso pola escola”, destaca a súa directora, Carmela García Fernández. No segundo trimestre do curso convocábase no centro un concurso de logotipos entre o alumnado e, co deseño ganador, realizouse unha chapa conmemorativa que se repartirá na festa.

“Tamén deseñamos un mural para o patio coa axuda de “Chere” (Gerardo Rodríguez Ramos). Trátase dun traballo multidisciplinar no que, usando a técnica do azulexado e da pintura, o conxunto do alumnado plasmou dalgún xeito os eixes do noso cole: lectura, natureza, aulas, cociña, xogos…”, asegura Carmela García, quen espera que “toda a comunidade educativa participe” na celebración e fai “un chamamento especial ao antigo alumnado para que se achegue a desfrutar con nós”.

O Condesa cumpre medio século neste curso, ¿como nace este colexio e cales son as principais etapas da súa traxectoria?

Creouse para agrupar ao alumnado que vivía nos pobos do municipio e que estudaba nas diferentes escolas unitarias. Así chegaron ao “Grupo Escolar”, á “Concentración”, onde se xuntaron os docentes e alumnado das aldeas, e tamén parte dos rapaces e rapazas do Barco. Comezaron a chegar cada día os autobuses de Xagoaza, O Castro, Vilariño, Santigoso, etc… sendo Éntoma a última localidade en incorporarse. Nos primeiros anos uns 400 escolares xuntáronse aquí para aprender, xogar, comer, soñar… en definitiva, convivir. Era unha nova organización e forma de vida. O centro foi crecendo pouco a pouco e as necesidades aumentaban; pasaron anos ata conseguir un pavillón para a clase de Educación Física en boas condicións, tamén houbo que adaptar os espazos do comedor para poder dar resposta a unha demanda cada vez maior. Outro momento importante foi o cambio de EXB a Primaria, cando o alumnado que cursaba 7º e 8º cambiou a ESO no instituto. A sociedade foi mudando e a escola tamén.

Loxicamente un dos momentos máis difíciles foron os pasados anos de pandemia: clases virtuais, máscaras, distancias… era coma querer poñer portas ao campo. Aínda así, aprendemos a importancia de coidar a saúde propia e a dos demais. E, se tiveramos que resaltar algunha data, eu non sabería cal elixir porque cada excursión cos nenos, cada visita de alguén que nos vén a falar, cada vez que participamos nun concurso, nunha feira de proxectos, ou cada premio que recibimos… van deixando pegada en todos nós porque para aprender e ensinar, ademais de compromiso, temos que entusiasmarnos co que facemos. Especialmente orgullosos estamos da nosa biblioteca, premiada, entre outras ocasións, no concurso nacional de bibliotecas escolares. En definitiva, é a sorte de poder desfrutar día a día dunha profesión tan fermosa.

¿Como cualificaría o momento actual do centro?

Despois da pandemia parecía que tiñamos que reflotar un barco… Houbo que poñer novamente en marcha dinámicas que xa estaban instauradas, pero había que volver a arrancar de cero para retomar a nosa liña de traballo. No momento actual o centro acolle a 353 alumnos/as a e un claustro formado por 35 mestres e mestras. Ademais contamos con persoal auxiliar coidador, cociñeiras, axudantes de comedor, persoal administrativo e un conserxe. Sen todos eles sería imposible desenvolver as numerosas actividades do centro, xa que todo empeza moi cedo: dende as 7:15h. o servizo de madrugadores recolle a nenos e nenas para almorzar ou por razóns de conciliación familiar.

Por outra banda, as instalacións foron reformadas recentemente dun xeito integral e agora estamos inmersos nunha importante mellora da dotación das aulas, con novos paneis dixitais, redes WIFI e aula de Polos Creativos recentemente estreada. Os polos son lugares de innovación educativa abertos á comunidade, nos que se traballan as competencias en ciencia, tecnoloxía, e matemáticas, para fomentar a creatividade e albergar prácticas de investigación e experimentación e así favorecer o desenvolvemento en competencias dixitais, científico-tecnolóxicas e artísticas, no que serán benvidas as nais e pais que queiran participar. Hoxe a maneira de ensinar e aprender está cambiando e a aprendizaxe é cada vez máis colaborativa, comunicativa e conxunta; traballamos con deseños innovadores para desenvolver o potencial e talento do noso alumnado.

¿Como vai ser a celebración do 50 aniversario do colexio?

Cinco décadas dan para moito, e durante este trimestre xa vimos facendo diversas actividades: recollida de datos sobre a historia do centro, exposición de fotos, publicación da revista… O día 2 de xuño teremos pola mañá un acto para agochar no patio unha cápsula do tempo na que colocaremos elementos significativos do colexio. Despois gozaremos dunha sesión de zumba para o alumnado e tamén inauguraremos o novo mural. Pola tarde, a partir das 19h. xuntarémonos coas familias para celebrar un festival no patio. O día 3 ás 12h., nun acto máis institucional, reunirémonos co profesorado que pasou polo colexio. Non faltará música e algunha sorpresa máis. Remataremos compartindo un xantar no Complexo Hostaleiro Paladium.

Texto: A.R.

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Santa Rita do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button