SanidadeÚltima hora

Estrea e traslado á nova UCI en Ourense e inicio das obras da fase 2 da Unidade de Críticos Poscovid

Coa demolición dos espazos ocupados ata hai un días pola UCI encárase a fase final dun macroproxecto que supera os 8M de euros para dispoñer dunha unidade de vangarda, segundo Sanidade

 

Profesionais e pacientes do Servizo de Medicina Intensiva estrean este Nadal as novas instalacións da Unidade de Coidados Intensivos, que encara xa, coas obras da vella UCI, a fase final deste macroproxecto, que supera os 8 millóns de euros para poñer en marcha unha unidade de vangarda, equipada cos últimos avances na atención de pacientes críticos, conxugando toda a experiencia acumulada en Europa pola pandemia.

Con esta obra, adxudicada pola Xunta de Galicia á UTE Seranco SAU+Oreco SAU por 8.221.708€, o Hospital Universitario de Ourense pasará a dispoñer de 2.300 metros cadrados, distribuídos en tres áreas funcionais, con 30 boxes independentes, con áreas administrativas, de servizo e espazos destinados a familiares.

“Será a primeira UCI pospandemia cun concepto e estrutura altamente esixente, non só técnicamente senón tamén cara aos novos criterios de humanización, seguridade e manexo de pacientes. Será por tanto innovadora en canto a climatización e illamento, á dimensión dos postos, a iluminación, e intuitiva para integrar o uso de TIC e equipamentos electromédicos e de alta tecnoloxía, habituais na actualidade, polo que servirá de modelo para as novas UCIs que se constrúan en Europa”, explican dende Sanidade.

Traballos en dúas fases

Á complexidade das obras derivase da súa funcionalidade, a atención aos pacientes críticos, e a súa localización, no núcleo mesmo dos bloques de hospitalización. A esto engádese a alta tecnificación da UCI, incluíndo os novos requisitos de atención a pacientes contaxiosos, polo que a nova unidade conta cunha especial climatización, illada do resto do hospital. Polo que os traballos están previstos en dúas fases: Novos espazos e remodelación dos ocupados ata agora pola unidade.

O traslado e estrea do novo espazo de UCI, facilita así o inicio dos traballos da segunda fase, que igualará e unirá ambos espazos, aumentando ata os 30 boxes.

Nova UCI

Entre as principais novidades, a nova UCI conta con boxes individuais pechados, con climatización independente e posibilidades de xerar presión positiva ou presión negativa, en función das necesidades clínicas do paciente. Todos eles contan con “cabeceiros” suspendidos, que permiten a máxima operatividade ao redor da cama do paciente.

Igualmente, as portas de acceso a cada box, son automáticas, e os tabiques de separación entre boxes son dun cristal especial equipado cun mecanismo que pode oscurecerse para favorer o descanso e respectar a intimidade do pacientes; os accesos contan con exclusas igualmente automatizadas e de apertura de seguridade.

Todos os boxes están preparados para o illamento de pacientes contaxiosos, non si dos dez novos boxes, dous están deseñados especialmente para illamento de pacientes, contando cun espazo axunto, que facilita o equipamento persoal de seguridade preciso (EPI).

Asemade para manter o número de camas da UCI mentras duren as obras, adaptouse un espazo con dez camas na mesma pranta, dentro da Unidade de Reanimación Post-Cirúrxica, espazo que xa se ocupou con esta función durante a primeira onda da pandemia, segundo Sanidade.

Demolición da vella UCI

Tras completar o traslado este fin de semana, este mesmo luns arrancaron os traballos de demolición das vellas instalacións de UCI. Tras elo, traballarase na adecuación ao proxecto das instalacións, reforzando os teitos para a instalación dos cabeceitos e reformando a distribución.

Outras novidades destas instalacións, que xa están empregando na nova, son os avances en canto a electricidade e redes de datos; sistemas de aviso e alarmas; cámaras de seguemento e control; saneamento colgado; rede de fluxores que empregarán auga reciclada; condutos de climatización; rede hidráulica de fancoils; e transporte pneumático e rede de gases medicinais.

O bo desenvolvemento dos traballos e o mantemento da actividade asistencial, nun espazo tan próximo ás obras, obriga, como xa se fixo na primeira fase, a unha perfecta coordinación entre os equipos de obras e o persoal técnico e directivo do hospital, tratando de diminuir ao máximo os ruídos, e a xeración de po, contando en todo momento coa supervisión e autorización do Servizo de Medicina Preventiva.

Artigos relacionados

Back to top button