CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Exitosa presentación de “Nosotras”, o libro do grupo Recordar Historia, no Casino do Barco

 

Como unha compilación de “historias das creadoras que perden a invisibilidade, das nosas heroínas rescatando as súas vivencias, como leccións e ánimo para todas as xeracións de valentes mulleres, as que cincelaron a historia do cotián e do universal”, unha obra que “fala do íntimo, da nosa historia viva”, literatura dos sentidos.

Así se presenta “Nosotras”, o libro que na tarde deste venres 8 de setembro era presentado polo grupo Recordar Historia, no Casino do Barco. Un acto presentado pola vicepresidenta da Sociedade e filla da autora, Yahel Martín, que encheu de público a sala do segundo andar, veciños, familiares, amigos do grupo e xente que se sinte identificado co escrito ao longo das 150 páxinas do libro, editado por Andrómena Senlleira e coordinado por Mª Luisa Valcarce.

 

Mª Luisa Valcarce Fernández na presentación.

 

Trala primeira peza interpretada á guitarra por Sito, o primeiro en intervir era Santiago Vázquez, de Pizarras Los Tres Cuñados que financiou a edición do libro grazas ao cal a recadación das vendas (custa 15 euros) irá destinado a Cruz Vermella e Cáritas, dúas institucións que o necesitan para seguir axudando á xente que o está pasando mal. De seguido tomaba a palabra o editor, Avelino Jácome quen felicitaba ao grupo polo libro “que recolle e pon en valor o esforzo desas mulleres esquecidas, algunhas daquí e outras das que recollestes as súas historias que aquí contades”. Jácome tamén recoñecía o labor de Marisa que “en tempo de pandemia soubo coordinar un grupo de mulleres que fan o máis importante que se pode facer, compartir vivencias, amizades e afectos, algo no que é experta”.

 

 

Pilar Delgado, unha das fundadoras do grupo Recordar Historia e presente na mesa, era a encargada de explicar a creación dese grupo homoxéneo que botaba a andar hai 8 anos. A idea xurdía dunha pregunta que lle fixo unha persoa moi aprezada por ela e que xa pertencía a dous grupos: ¿por que non facer un grupo de historia ou literatura no Barco de Valdeorras? “Pasou o tempo e unha vez xubilada pensei en probar así que fixen unha proposta a coñecidas e decidimos formar un grupo de amigas da historia unha vez á semana”, conta Pilar, asegurando que só lles faltaba a coordinadora. “Alguén dixo que tiñamos que falar con Mª Luisa, tamén amiga nosa, e aceptou encantada e desinteresadamente”. O seguinte paso foi conseguir unha aula na Biblioteca Municipal botando a andar o grupo o 29 de outubro de 2015.

E desas tardes de lectura, de amizade, de conversas e intercambio de historias, nace “Nosotras”, un libro “para tantas fillas e fillos como reflicte a portada que se fai eco desa mensaxe, que se sintan orgullosos das nais”, aseguraba a autora do libro e coordinadora do grupo, Mª Luisa Valcarce, dando grazas a todo aquel que fixo posible o libro. D a creadora da portada, Patricia Fernández Vázquez ata Pedro Murciego “que me permitu facer miñas unhas fermosas fotografías do noso río Sil cheas de profundidade e misterio”, pasando por Avelino Jácome, pai e fillo, editor e maquetador, e por suposto as súas compañeiras “das tardes fermosas, sempre grazas a elas”.

 

 

“Nosotras” é en palabras de Marisa, “unha experiencia recollida nunhas páxinas, mellor ou peor elaboradas pero feitas co corazón, o respecto e a verdade” dividido en varias partes. Unha introducción; un pequeno repaso por algúns oficios de mulleres; un apartado de historias “que nos fixeron conter a respiración pola grandeza humana que encerran e outras dolorosas que escriben renglóns de tristeza e vergonza, reflexos do que somos as persoas, donas de moitas miserias”; e outro de relatos no que van “vivencias, recordos e nostalxias de algunhas de nós ás que puxemos voz”.

Nun acto tan emotivo non faltou a música en directo nin tampouco a poesía, na voz de xoves mesmo nenos, parentes nalgúns casos das autoras. Aldara, Paula e Sergio, Julia, Paula, Carolina,… E como non podía ser doutro xeito as súas compañeiras tiñan un detalle con Marisa, unha placa que lle entregaban alí mesmo provocando sonoros aplausos dos asistentes.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button