O que lle fascina da música é que “remove ao oínte, indiferentemente da persoa que sexa. Expresa aquilo que as palabras non poden, vai máis alá, é algo máis profundo”. E iso levou a Fabio Álvarez a facer dela o seu vehículo de expresión a través do piano. “Teño a necesidade de sentir e de transmitir esas emocións, xa sexan miñas ou dous compositores, ou ambas. Coa música podo dicir o que sinto e penso”, confesa este xove e brillante pianista, que tras dar os seus primeiros pasos na Escola de Música de Trives, formábase no Conservarorio de Ourense, na Musikene (Centro Superior de Música do País Vasco) no Grao de Interpretación e logo na Manhattan School of Music de Nova York, onde obtiña o Master of Music coa máxima cualificación e baixo a tutela de Philip Kawin.
Ademais, especializábase en repertorio contemporáneo con Anthony De Mare e Ricardo Descalzo. “Ás veces temos a idea de que a música contemporánea é extraña, como se fora un estilo propio, pero dentro dela hai moitísimos estilos diferentes, está o serialismo, o dodecafonismo, o minimalismo… E iso sorprendeume e apaixonoume, era un mundo totalmente novo e inmenso, ademais ofrecíache a posibilidade de poder coñecer ao compositor”, conta.
En novembro de 2018 lanzaba, con éxito, o seu primeiro proxecto discográfico Musical Zodiac-George Crumb (Orpheus Classical), galardoado co Orpheus Classical Music Award (2019) e co Melómano de Ouro (2019). A partir de aí tocaba na Fundación Juan March e debutaba no Carnegie Hall no 2018. Catro anos despois publicaba o seu segundo disco, Mad Rush (IBS Classical, 2022) adicado a outro recoñecido compositor estadounidense, Philip Glass, e que “está funcionando moi ben”. Tras levalo ao Festival Piano con Sabor de Granada, ao Auditorio Manuel de Falla, a Trives ou ao Instituto Internacional Americano, o 7 de maio presentábao no XVI Festival Internacional de Música Pórtico no Paraíso, nun concerto no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín).
Ademais en maio convertíase nun dos finalistas dos 10º Premios Martín Códax da Música, na categoría de “Música Clásica e Contemporánea”.
¿Como descubriu o mundo da música?
Cando apenas tiña 7 anos a miña mai decidiu aprender música e piano de cero. Estivo recibindo clases e durante ese primeiro ano amosábanos ao meu irmán e a min o que facía. Lembro que mercou un pequeno teclado e que eu empecei a tocar as primeiras notas nel. Ao ano seguinte os meus pais inscribíronnos na Escola de Música de Trives e aí empecei co piano. Co paso dos anos o piano converteuse nalgo que formaba parte de min e as miñas inquedanzas leváronme tamén a apuntarme a outros instrumentos como guitarra española e durante bastante tempo toquei na Banda de gaitas de Trives… Aínda así, o que a min me gustaba era o piano.
¿Tiña claro que quería ser músico?
Ata os 16-17 anos pensaba en ser cirurxián, de feito cursei o Bacharelato por ciencias da saúde. O problema ou a bendición foi que, tras rematar 1º, acudín a un curso de verán de música en Astorga e, para a miña sorpresa, alí topeime con moitos mozos da miña idade que querían dedicarse á música e con adultos que xa o facían. Iso abriume os ollos, decateime de que música tamén era unha posibilidade xa que, ata ese momento, non a vira como unha opción viable. Non porque ninguén me dixera o contrario, senón porque o normal era facer medicina, arquitectura, enxeñería… As típicas saídas profesionais. Nese momento pensei: a música é o que eu amo, é a miña paixón e o que quero facer. Entón os plans de estudar medicina esvaecéronse e, tras rematar o Bacharelato entrei no Conservatorio Profesional de Ourense.
Cando empecei alí quedábanme 4 anos para chegar ao que daquela era o Grao Medio, xa que viña dunha escola de música na que non había titulación oficial. É dicir, ía atrasado nos estudos oficiais polo que foron 4 cursos de moito traballo, porén a paixón lévame sempre, e rematei o grao. Isto é algo que sempre conto nos meus concertos xa que pode haber quen pense que ao mellor son un xenio dende pequeno, pero estou en contra desas ideas, o talento é un 10%, para min o esencial é o traballo e a constancia.
Despois entrou no Musikene e logo trasladábase aos Estados Unidos…
Si, logrei entrar na Manhattan School of Music, unha das mellores universidades de música do mundo, e estiven vivindo en Nova York seis anos e medio. Isto permitiume reafirmar que estaba facendo ben o camiño. Foi unha experiencia incrible, un soño cumprido ao mil por cen. E, cando rematei o máster, quería presentarme ao mundo como profesional e pareceume que un dos xeitos máis potentes de facelo era desenvolver un proxecto discográfico, gravar algo interesante, que me diferenciase, que fose atrevido. Entón lembrei que en todos eses anos cando tocaba en concertos acostumaba incluír música contemporánea ao final, en concreto a do compositor americano George Crumb, e, ao rematar, os asistentes sempre me falaban desas últimas pezas, que descoñecían e que lles parecían incribles.
En cambio, nunca mencionaban o que tocara de Beethoveen ou de Debussy. E, pensei, xa está. Crumb ten os Makrokosmos, 2 volumes só para piano e que pechaban perfectamente un proxecto discográfico. Metínme na grandísima odisea de traballar esa música, tecnicamente bastante complexa e con moito misticismo, moi profunda. Ademais intentei contactar con este compositor, que daquela tiña 92 anos e vivía en Pensilvania. Mandeille unha carta para dicirlle que me entusiasmaba a súa música, que ía gravala e que me encantaría coñecelo. Uns catro meses despois contestoume por correo electrónico dicíndome que encantado, convidoume á súa casa e iso supuxo unha experiencia a nivel vital e musical incrible. Crumb era un dos grandes compositores vivos do mundo, pero tamén unha persoa superhumilde e poder traballar con el resultou marabilloso. E así xurdiu Musical Zodiaco.
En Nova York tamén naceu Mad Rush, un disco monográfico doutro compositor americano, Philip Glass.
Crear proxectos é algo que me apaixona. Busco que non só sexan a música pola música, senón que estean ligados á miña vida, nos que poida aportar algo. E, como me pasou co primeiro disco, foi o proxecto o que me atopou a min. Estaba escoitando música variada e, de súpeto, soou unha peza de Philip Glass e pareceume que era ideal. Quería algo completamente diferente ao anterior e así foi. Pasei dunha música moi atonal e con efectos de técnicas estendidas para piano, é dicir que metes as mans dentro do instrumento; a algo completamente oposto, cun minimalismo e con harmonías moi sinxelas por así dicilo, pero que traballaba outros aspectos.
Dese xeito xurdiu o disco Mad Rush. Pensei que era fabuloso para realizar unha especie de elexía a todo o meu tempo na cidade de Nova York, de feito, ao final converteuse nun xeito de despedida das miñas vivencias alá. Ademais quixen facer un retrato de Glass, do que é el e a súa música a partir de obras que a min me din algo. Á vez, sentía que a etapa de Nova York pechábase de maneira natural, sen eu decidilo, cada vez saíanme máis proxectos en España e din o paso de voltar. Cambiei a miña a base, que agora é Madrid, pero o traballo segue sendo o mesmo.
Nos concertos vostede explica as motivacións do disco, por que escolleu cada peza, que significa, e iso facilita que chegue ao público…
Ese é un dos labores dos artistas: transmitir a idea do compositor. Somos os seus mensaxeiros, pero é inevitable e necesario que empapemos esa música das nosas emocións, que deben ser acordes á mensaxe do autor. O marabilloso da música é que é unha arte que está viva, que sucede só no momento no que se está tocando.
O compositor crea e plasma esa música nun papel, pero este non soa. O compositor pode interpretar, se ben a gran maioría das veces require dunha segunda persoa, que somos os intérpretes. E ese é un mundo marabilloso no que descifras non só a parte mental ou o texto, senón que ata tes que indagar a nivel persoal no compositor, por que fixo a peza, que quería transmitir con ela… Unhas veces son motivos máis profundos, outras, menos; e iso é tamén o que máis me apaixona da miña profesión.
Texto: A.R.
A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de maio do Periódico O SIL.