CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Galaicos e romanos celebran xuntos en Margaride (Quiroga) a XII Festa do Ouro

 

Estandartes do Imperio, pero tamén simboloxía castrexa, reciben neste 19 de agosto ao visitante en Margaride de Lor (Quiroga) nunha xornada moi especial na que esta localidade, situada no que antano era unha explotación aurífera romana, rende tributo ás súas orixes. Así, ao longo deste sábado celebra a súa XII Festa do Ouro cun programa que se iniciaba na capela coa xa tradicional misa en latín ás once horas, acompañada musicalmente polo grupo O Recanto de Quiroga. A cerimonia relixiosa era oficiada polo sacerdote Don Jesús, quen ofrecía durante a homilía unha lección de historia sobre castrexos e romanos.

 

 

A misa concluía coa interpretación do himno de Galicia e, deseguido, romanos e castrexos, acompañados polo grupo de música tradicional, iniciaban o xa habitual percorrido polas adegas de Margaride. Nesta ronda aparecía por sorpresa a chuvia, que aínda así non impedía que foran moitas as persoas ataviadas de época que se sumaban a este singular traxecto gastronómico.

 

 

En cada unha das adegas eran recibidos con viño, auga, refrescos e diversos petiscos, mentres tampouco faltaba o baile. Arredor das dúas e media está previsto que, todos xuntos, se trasladen ata ao campamento romano e ao oppidum galaico, ambos situados ao pé das Covas do Medo, unha antiga explotación mineira de época romana. Alí compartirán xantar a base de polbo e churrasco.

 

 

Xa pola tarde haberá xogos infantís, logo virá a animación festiva do Dj Kola, unha cea popular, e xa sobre as once unha serie de rituais celtas, que incluirán a queimada, xusto antes da verbena. Esta Festa do Ouro está  organizada pola Asociación de Veciños de Margaride.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button