OurenseÚltima hora

O Premio de poesía “Florencio Delgado Gurriarán” achegará á sociedade a obra do intelectual valdeorrés

O galardoado coñecerase nunha gala que terá lugar o 29 de setembro no Centro Cultural Avenida da Rúa
Presentación do I Premio de Poesía “Florencio Delgado Gurriarán”.

“Sabiamos do valor importante que tivo Florencio como axente e dinamizador cultural, tanto en Valdeorras como en México, e sabiamos que poñer en marcha unha plataforma onde os novos creadores tivesen unha voz individualizada e puidesen ter proxección, sería do gusto do autor”. Con estas palabras, a directora do proxecto “As letras de Florencio”, Débora Álvarez xustificaba a creación do I Premio de poesía “Florencio Delgado Gurriarán, un galardón que ten como obxectivo mesturar a poesía de Delgado Gurriarán coa nova poesía, promover a creación poética achegándoa a todos os públicos e seguir promovendo a importante figura deste intelectual valdeorrés.

O premio era presentado na mañá do 7 de xuño no Pazo Provincial de Ourense, contando coa presenza do presidente da Deputación Manuel Baltar; dos alcaldes do Barco de Valdeorras, A Rúa e A Veiga, Alfredo García, Luis Fernández e Juan Anta, respectivamente; do presidente do IEV Aurelio Blanco; e da propia Débora Álvarez.

 

Cartel do concurso de poesía.

 

No acto, Baltar asegurou que o premio “ten moito que ver con esa figura dun Florencio Delgado Gurriarán completamente actualizado, promovendo para elo dentro do proxecto “As letras de Florencio” este galardón de poesía aberto a todos os públicos porque así é o legado de Delgado Gurriarán, un regalo de intelectualidade para todos”, expresou Baltar, quen definiu ao intelectual valdeorrés como “cantor de Galicia e defensor da galeguidade”, destacando a importancia “de relanzar a figura deste insigne poeta e galeguista para que a súa obra siga viva”. En canto ás bases (que poderán consultarse entre outras, na páxina web do proxecto  asletrasdeflorencio.gal), a directora do proxecto explicou que “non se trazou unha temática obrigada, porque a poesía debe ser libre”. Os únicos requisitos son que os textos “deben estar escritos en lingua galega e non deben exceder os 300 versos”, detallou Débora Álvarez, quen engadiu que o certame ten un único galardón “porque queremos individualizar o noso apoio nun só creador, cun premio único de 3.000 euros, ademais da publicación das obras dos cinco finalistas e mais unha pequena escolma da obra de Florencio. Trátase de unificar a nova poesía coa poesía de Florencio, e que sexa esa publicación a que poidamos levar ás bibliotecas públicas e aos centros escolares”.

O prazo de entrega de escritos queda aberta desde hoxe e ata o día 15 de setembro e o galardoado coñecerase nunha gala que terá lugar o 29 de setembro no Centro Cultural Avenida da Rúa. Esa fin de semana a poesía e Florencio sexan os protagonistas de varias actividades que percorrerán a comarca de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button